O historiador Xosé Manoel Núñez Seixas, Premio Ramón Piñeiro

Coñécense tamén os VII Premio Valentín Paz Andrade de investigación en economía en Galicia.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/12/2020 | Actualizada ás 19:52

Comparte esta noticia

A obra 'De imperios e danzas: poéticas da pluralidade territorial no fascismo español (1930-1975)', do historiador Xosé Manoel Núñez Seixas, gañou o XX Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2020.

Así o decidiu o xurado nunha reunión por videoconferencia mantida na mañá deste luns, na que se destacou a "capacidade analítica" da obra premiada, baseada "nunha ampla e rigorosa documentación" sobre o fenómeno da utilización do folclore e os seus símbolos por parte do franquismo, segundo informa a Xunta.

Esta documentación permite un "enfoque contrastivo entre as diferentes nacionalidades históricas" cun estilo "diáfano e crítico". Ademais, a obra vincula o presente con feitos históricos "que informan do actual debate sobre a organización do Estado".

O xurado, que concedeu por maioría este premio dotado con 3.000 euros, estivo conformado por Luís Alonso Girgado, Xesús Fraga, Rexina Veiga, Montserrat Pena Presas e Carlos Lema, como secretario con voz e voto.

O catedrático de Historia Contemporánea Xosé Manoel Núñez Seixas.. EDITORIAL GALAXIA - Arquivo
O catedrático de Historia Contemporánea Xosé Manoel Núñez Seixas.. EDITORIAL GALAXIA - Arquivo | Fonte: Europa Press

VII PREMIO VALENTÍN PAZ ANDRADE

Por outra banda, este luns coñecéronse os dous premiados 'ex aequo' do VII Premio Valentín Paz Andrade de investigación en economía en Galicia, que convocan conxuntamente a Universidade de Santiago de Compostela (USC) e o Consello Económico e Social (CES).

Un deles recaeu sobre un artigo asinado polos investigadores da USC María Luísa Chas Amil e Xoán R. Doldán García, xunto a Pablo Piñero, David Pérez Neira e Juan Infante, que defende que unha rexión como Galicia "pode desempeñar un dobre papel como núcleo e periferia na división global" das actividades extractivas, tal e como explica a Universidade.

O segundo dos premiados foi o profesor Edelmiro López Igrexas, quen aborda no seu artigo como nos últimos 30 anos o sector agrario e o complexo agroalimentario galego "tiveron que afrontar profundos cambios no seu marco de funcionamento" como consecuencia da evolución dos mercados, as políticas e as demandas da sociedade.

Á parte destes dous galardóns, houbo un terceiro na modalidade dirixida a recoñecer teses doutorais, que se levou a investigación 'A Moto-mecanización da Agricultura en Galiza (1939-2000). Políticas de innovación, mercados e comunidades labregas', de Bruno Esperante Paramos e dirixido por Lourenzo Fernández Prieto e Daniel Lanero Táboas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta