Temas: FRASEOLOXíA

“Ninguén de ningures”, equivalente, entre outras varias, á castelá “don nadie”

O lingüista Xosé Antonio Pena Romay publica unha nova entrega da sección de fraseoloxía "Verbas sisudas non queren testemuñas".

Por Xosé Antonio Pena | Santiago de Compostela | 03/01/2021 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

Para se referir a unha persoa á que, normalmente por carecer de todo poder e influencia, non se lle concede ningunha importancia nin mérito, non se lle presta a máis mínima atención ou non é obxecto de consideración ningunha, en castelán adóitase empregar a locución don nadie. En galego dispomos doutras locucións coas que cubrimos esa mesma designación:

A libélula Diplacodes lefebvrii, coñecida comunmente como percher negro ou skimmer negro, acaba de ser atopada en Galicia
A libélula Diplacodes lefebvrii, coñecida comunmente como percher negro ou skimmer negro, acaba de ser atopada en Galicia

Don/Doña nadie

{= Persoa á que, normalmente por carecer de todo poder e influencia, non se lle concede ningunha importancia, non se lle presta a máis mínima atención ou non é obxecto de consideración.}

Ninguén de ningures

Ninguén

Ninguén que vai para ningures

Ex.: Va por la villa pavoneándose y en realidad es un don nadie que no tiene donde caerse muerto.

Vai pola vila pavoneándose e en realidade é un ninguén de ningures un ninguén un ninguén para vai para ningures que non ten nin onde pousar un pé.

Ex.: ¡Esa doña nadie que no vuelva a entrar en nuestra casa!

¡Esa ninguén de ningures ninguén ninguén para vai para ningures que non volva entrar na nosa casa!

● Tamén:

Don ninguén && Xan ninguén && Xan portal && [E MESMO]: Rei Pedro

Ex.: Vai pola vila fachendeando e en realidade é un don ninguén un xan ninguén un xan portal un rei Pedro que non ten nin onde caer morto.

Ex.: ¡Esa dona ninguén xan ninguén xan portal rei Pedro que non volva entrar na nosa casa!

NOTAS:

1. Obsérvese que hai contextos en que as voces e locucións reflectidas no presente artigo virían a confluír coa forma castelá, hoxe en día tan usada, pringado/a, no seu sentido de persoa que non goza de estima ou respecto, ou mesmo cara á que se sente menosprezo, desestima ou desconsideración, ben por ser inxenua ou doada de enganar –matiz que a día de hoxe é o único que se recolle no DRAE–; ben por carecer de carisma, iniciativa ou recursos; ben polo que sexa (deixamos fóra neste caso, e polo tanto tamén da posible confluencia coas formas recolleitas no presente artigo, o sentido de pringado/a referente á persoa que sempre panda por outros ou paga as culpas doutros, nun emprego que cadraría en moitas ocasións coa voz galega pandote).

Ó fío desta voz pringado/a, resulta evidente a “necesidade” que, cada vez en maior grao, se implanta en moitos galegofalantes do emprego de certas palabras foráneas –nomeadamente procedentes do castelán–, na medida en que unha altísima porcentaxe da información que recibimos no noso día a día (sobre todo as xeracións máis novas e urbanitas, e en xeral todas aquelas persoas que son maiormente consumidoras das redes sociais ou dos medios de comunicación de masas, nomeadamente televisión) nos chega a través da lingua castelá. Tal é así que para moita xente a partición lingüística da realidade que nos rodea (do, grosso modo, denominado “plano do significado”, botando man da teoría do lingüista Sausure), partición que o sistema comunicativo galego foi construíndo ao longo de séculos e séculos, xa non é só que vaia evolucionando ou mudando (como non podía ser menos, xa que as linguas se ven obrigadas a cambiar en función das novas mudanzas e evolucións do mundo real, a fin de se adaptaren a el), senón que en non poucos casos se ve suplantada pola partición lingüística da realidade propia do castelán.

Sen nos metermos en máis afondamentos, pois o tema daría moito de si, a voz pringado/a empregada co significado primeiramente mencionado (que, como xa indicamos, vai máis alá do reflectido no DRAE e cuxo uso xeneralizado en castelán –castelán coloquial, neste caso– non deixa de ser bastante recente) participa un pouco deste fenómeno, xa que non será pola cantidade de vocábulos (recolleitos ou non a día de hoxe no DRAG) de que dispomos en galego para designar basicamente ese mesmo concepto, ou sexa, unha persoa que non temos por merecedora de estima, respecto ou consideración ou á cal directamente menosprezamos ou facemos de menos, cos posibles matices que particularmente cada un dos ditos vocábulos deixe ou non de achegar: matado/a, chinglán/ana, (para min, que teño a variante [k] da gheada tras fonema nasal –p. ex., dominco, manco da vasoira, etc.–, chinclán/ana), chaíñas (coa variante cheíñas), palleirán/ana, miñaxoia, coitado/a, malpocado/a, cheirento/a, cheirón/ona, toutizo/a, mortizo/a, pelandrán/ana, pelendre/a, pingallo/a, lapabroas, cheodemoscas (fem.: cheademoscas), merdento/a, merdeiro/a, chumpanacama, lordán/ana, varredoiro, montedemerda, papahostias..., así como tamén, para certos contextos, aquelas formas que dan conta dunha persoa moi limitada ou moi pouco espelida, coma papón/ona, paspán/ana, pánfilo/a, papaverzas, papaxoubas, etc. [Nótese, en relación co que se comentaba con anterioridade da distinta partición do plano do significado entre castelán e galego, que varias destas palabras, como por exemplo papahostias, toutizo/a, mortizo/a, cheirento/a, merdento/a, merdeiro/a ou montedemerda, entre outras, tamén poden confluír en espazos de uso con insultos ou descualificacións do castelán do tipo de gilipollas ou capullo, formas estas respecto das que, á base de oílas –ou lelas– e oílas e volvelas oír, tamén fomos creando a necesidade de usalas.]

2. As expresións galegas están tiradas das seguintes fontes:

- Recolleita propia da oralidade galega.

- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).

- Cerviño Ferrín, María Victoria: “Fraseoloxía e paremioloxía de Sebil, 1”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 14, 2012, páxs. 287-308. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Ferro Ruibal, Xesús (dir.): Diccionario dos nomes galegos. Ir Indo Edicións, Vigo, 1992.

- Fraseoloxía Carcamana. Dentro do blog Historia e historias da Arousa.

- Graña Núñez, Xosé: Vacilacións, interferencias e outros “pecados” da lingua galega. Ir Indo Edicións, Vigo, 1993.

- Martínez [actualmente, Martíns] Seixo, Ramón Anxo (dir.): Dicionario fraseolóxico galego. Edicións A Nosa Terra, Vigo, 2000.

- Martíns [antes, Martínez] Seixo, Ramón Anxo: “Hai cousas que parecen lousas. Unha nova achega á fraseoloxía do Cachafeiro”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 18, 2016, páxs. 211-247. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Vázquez Saco, Francisco: Refraneiro galego e outros materiais de tradición oral. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 5, 2003. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

Temas: FRASEOLOXíA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta