A foca 'Rube', ferida tras quedar atrapada nun barco, xa está máis preto de volver ao mar

O Instituto Galego de Formación en Acuicultura encargarase da segunda fase da súa recuperación logo de pasar pola UCI de lobos mariños.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/12/2020 | Actualizada ás 17:30

Comparte esta noticia

O Instituto Galego de Formación en Acuicultura (Igafa), da Illa, acolle desde este martes á foca gris 'Rube', que se recupera das súas lesións tras quedar atrapada no aparello dun barco de pesca.

Esta acción forma parte da colaboración que vén mantendo desde o ano 2003 a Xunta, a través da Consellería de Medio Ambiente, coa Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (Cemma), para a recuperación de exemplares destas especies que chegan ás costas galegas en mal estado ou feridos.

Rube quedou atrapado o pasado 17 de novembro no palangre dun barco na ría de Cedeira e foi trasladado á UCI de lobos mariños do establecemento veterinario que o Cemma ten en Nigrán. Unha vez ingresado, comprobouse que se trataba dun macho de menos de dous meses de idade e que pesaba 11 quilos, sendo un dos lobos mariños máis pequenos tratados en Galicia. Presentaba feridas no corpo, estaba desnutrido e deshidratado e cunha leve afección respiratoria.

A súa evolución foi favorable, o que lle permitiu gañar peso e quedar fóra de perigo, polo que superou a primeira fase da recuperación e procedeuse a trasladalo ao Igafa para superar a segunda fase, a previa á súa liberación.

Deste xeito, Rube permanecerá varias semanas nunha piscina exterior de auga corrente salgada do Igafa e, posteriormente, será embarcado para a súa solta en alto mar. O mantemento e a atención sanitaria do mamífero corresponderalle ao Cemma, que contará con alumnado e demais persoal do centro dependente da Consellería do Mar.

A foca gris 'Rube' no Igafa.. XUNTA
A foca gris 'Rube' no Igafa.. XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta