Non é o mesmo

Uns días atrás un servidor escoitaba atónito o que nos tiña que dicir sobre o futuro de NGC Banco un dos opinadores con máis prestixio do país. O devandito opinador, que nas súas intervencións comeza falando en galego e remata falando en castelán para darlle máis empaque (se supón) ás súas habitualmente airadas e atinadas opinións, afirmaba que tanto tiña a quen lle vendera o FROB esta entidade, fose un grande banco español ou un fondo de investimento estranxeiro, o importante é que había que facelo xa. Argumentaba que o capital non ten patria e que a efectos prácticos o que había é que sacarse o morto de enriba.

Por Manuel González L. | Santiago de Compostela | 04/07/2013

Comparte esta noticia
Ben, pois parecido pode ser pero igual, igual, non é. Non se trata da cuestión bucólica de onde reside o centro de decisión (último) sobre a entidade, pois é obvio que se pasa a mans doutra que non é galega deixará de estar en Galicia. Trátase dunha cuestión moito máis mundana pero tamén máis tanxible e concreta: as economías creadas polas sedes centrais e outros departamentos da empresa normalmente asociados ás mesmas como os de comunicación e información, recursos humanos, marketing, etc. Falamos de actividades que xeran riqueza e emprego directo, normalmente de moi alta cualificación ou –na xerga económica- intensivas en coñecemento, e que por si mesmas son relevantes para o territorio onde se sitúan. Máis tamén achegas indirectas, como externalidades sobre o territorio, non só derivadas da relación cos provedores en moitos casos compostos tamén por empresas de servizos intensivos en coñecemento, se non que van máis alá, pola vía da creación de spin-offs como fora co caso da antiga softgal por parte de Caixa Galicia e outros moitos. Só coñecendo a composición das estruturas sectoriais rexionais en Europa así como os cambios que operaron na mesma nos últimos decenios, se pode valorar a importancia de estas cuestións para o desenvolvemento dos territorios.
 
Por esas razóns, e por algunhas outras, quen escribe opina que –aínda non exento de problemas- sería moito máis positivo a venda de NGC Banco a un fondo de investimento “extranxeiro”, tal e como semella defender o actual presidente executivo José María Castellano, pois apenas afectaría ao que vimos de glosar. Non sería así no caso, que algúns non terán reparos en defender en termos patrióticos convenientemente apurrados dende a media madrileña, se a entidade é finalmente adquirida por algún dos dous grandes bancos con sede en Madrid ou noutra parte do Estado. O exemplo máis claro témolo na recente adquisición do Banco Pastor polo Banco Popular ou do Banco Gallego polo Banco Sabadell quen, evidentemente, non van a duplicar actividades nin servizos centrais e que paseniñamente  -máis alá das declaracións condescendentes que os directivos teñen que facer nos xornais de provinciais- van deixando en Galicia unicamente as oficinas de atención ao público, e grazas. No outro extremo temos o caso da empresa de telecomunicacións R, quen agora mesmo é propiedade do fondo de investimento CVC Capital Partners, mais que non se implica na xestión da empresa e por tanto non afecta significativamente ás economías creadas pola mesma no territorio, e  só busca (o que se non) unha determinada rendibilidade.
 
Ao meu ver, só dende o descoñecemento ou dende o provincianismo, que tantas veces ligou os intereses galegos aos do centralismo hispano e que nos fai cada día máis ninguéns, se pode argumentar que é o mesmo. Pero o mesmo non o é.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Manuel González López Nado en Outes (1975). Doutorouse en Economía Aplicada na USC logo de ampliar estudos na Universidade de Manchester e na Copenhagen Business School. Na actualidade é profesor no Departamento de Economía Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela.