Os bosques galegos teñen unha calidade ecolóxica baixa, segundo un estudo internacional

Un mapa interactivo realizado por expertos de todo o mundo mostra o Índice de Integridade da Paisaxe Forestal en masas de todo o planeta.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 17/01/2021 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Os bosques galegos teñen unha calidade ecolóxica baixa. Así se desprende dos datos do proxecto internacional Forest Landscape Integrity Index (Índice de Integridade da Paisaxe Forestal), cuxos resultados se publicaron recentemente na revista Nature, coa participación de 47 expertos que traballaron con tecnoloxías avanzadas para mostrar con datos e gráficos sobre o estado de conservación das masas forestais en todo o planeta.

Bosque de eucaliptos en Galicia / José Antonio Gil Martínez en Flickr: www.flickr.com/photos/freecat/247625545/
Bosque de eucaliptos en Galicia / José Antonio Gil Martínez en Flickr: www.flickr.com/photos/freecat/247625545/

Os investigadores deseñaron un mapa mundial sobre a calidade dos bosques a partir dos datos recompilados e concluíron que tan só o 40,5 % dos que se conservan no planeta teñen un bo estado de integridade ecolóxica, o que se traduce en 17,4 millóns quilómetros cadrados. Esas áreas atópanse principalmente en Canadá, Rusia, Amazonas, África Central e Nova Guinea.

Desa superficie forestal con condicións ambientais favorables, só o 27 % dispón de protección legal suficiente para poder confiar en que o seu estado se manteña no futuro. E dos bosques dentro de áreas protexidas, só o 56 % ten unha alta integridade paisaxística.

No caso de España, o mapa amosa resultados realmente sorprendentes, xa que os mellores bosques non están no arco atlántico: Galicia, Asturias, Cantabria e País Vasco.

O mapa categoriza en tres cores a calidade da integridade ecolóxica das masas forestais: cor marrón para pobre calidade; cor verde clara para calidade media e cor verde escura para alta calidade.

Pois ben, o que se observa no mapa interactivo é unha Galicia case cuberta maiormente pola cor marrón (baixa integridade), ao igual que extensas áreas do País Vasco e, en menor medida, pero tamén notable, importantes áreas costeiras de Cantabria e Asturias. Gran parte desas masas arbóreas son repoboacións con especies como piñeiros e eucaliptos.

Sábese por estudos científicos, por exemplo, que especies como o eucalipto degradan a biodiversidade, que despraza especies autóctonas, que seca os chans e que é unha especie pirófita.

Pola contra, provincias de Castela e León, Madrid, Andalucía, toda a zona pirenaica ou áreas do Mediterráneo mostran mellores bosques autóctonos e un valor maior de conservación que o conxunto de toda Galicia. Iso si, as súas masas forestais son máis pequenas.

No mapa obsérvanse amplísimas franxas marróns que cobren a costa cantábrica, casi a totalidade de Galicia e boa parte de Portugal case até Lisboa (hai que lembrar que Galicia e o norte de Portugal son as zonas máis castigadas polos incendios na península e das máis golpeadas en Europa polo fogo). Mentres que as cores verdes son máis nítidas noutras áreas.

“Este índice de integridade da paisaxe forestal integra datos sobre presións forestais observadas e inferidas e perda de conectividade forestal para xerar o primeiro índice de integridade forestal globalmente consistente determinado polo grao de modificación antrópica [causada polo ser humano]”, explican os autores do estudo, que consideran que con estes datos poden "axudar aos responsables da toma de decisións a identificar os bosques intactos máis críticos para a conservación, así como aqueles que deben ser priorizados para a restauración e recuperación".

Para a clasificación dos bosques tense en conta a presión humana (infraestructura, agricultura, perda de cobertura arbórea) e alteracións como a presenza de árbores non autóctonas e a escasa calidade dos hábitats.

No estudo explícase que os bosques de alta integridade son os que teñen altos niveis de biodiversidade, brindan servizos ecosistémicos de alta calidade e son máis resistentes ao cambio climático.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

1 Moine

Na Galiza nom existem bosques, só existem plantaçons de eucaliptos ou de pinheiros. Os bosques som criadores e guardadores do eco-sistema. Criam terra e diversidade, todo o contrario das plantaçons de eucaliptos e pinheiros que som as explotaçons florestais das colónias.

1 Sentidiño

Home, algún si hai. Os soutos de Ourense ou do Courel están vivos, non son hortas de castiñeiros. Estaría ben estudar por que as plantacións de eucaliptos seguen o trazado de autopistas e autovías.