A Xunta ve "bochornoso" que o PSdeG propoña fondos autonómicos para a AP-9 "de titularidade estatal"

A Xunta advertiu a Gonzalo Caballero de que "o que debería facer" é pedirlle ao Executivo de Pedro Sánchez que "cumpra canto antes os seus compromisos cos galegos" e aplique as rebaixas e a supresión da peaxe de Redondela.

Por Europa Press / Redacción | VIGO | 28/01/2021 | Actualizada ás 17:31

Comparte esta noticia

A Xunta de Galicia cualificou de "bochornoso" que o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, propuxese destinar fondos autonómicos para contribuír a financiar a bonificación das peaxes na autoestrada AP-9, "de titularidade estatal".

A través dun comunicado, o goberno galego respondeu ás declaracións realizadas este xoves polo líder dos socialistas galegos, quen reclamou á Xunta "que contribúa" a financiar esas bonificacións, dado que o PP é o partido "responsable" de que a concesión da AP-9 dure ata 2048.

A Xunta acusou a Caballero de antepor os intereses do seu partido "aos intereses dos galegos". "Resulta bochornoso escoitar a Caballero demandar que a Xunta destine recursos do orzamento autonómico, que sustenta o funcionamento da Sanidade e a Educación públicas, a bonificar as peaxes dunha autoestrada de titularidade estatal", trasladaron fontes do goberno autonómico.

Segundo as mesmas fontes, resulta "inexplicable" que o secretario xeral do PSdG "lle pida aos galegos que sigan cargando co agravio" que supoñen esas peaxes, en lugar de reclamar ao seu partido, no Goberno de España, "que lle poña freo a unha situación da que son responsables".

PIDE "REVISAR" OS ACORDOS CON AUDASA

A Xunta advertiu a Gonzalo Caballero de que "o que debería facer" é pedirlle ao Executivo de Pedro Sánchez que "cumpra canto antes os seus compromisos cos galegos" e aplique as rebaixas e a supresión da peaxe de Redondela. Así mesmo, ínstao a que pida ao Goberno "que revise os acordos con Audasa", porque "está acreditado que son desproporcionados a favor da concesionaria e en contra dos galegos".

Finalmente, a Xunta lembrou que o propio Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (Mitma) recoñeceu este xoves a necesidade de realizar unha auditoría de seguridade na autoestrada AP-9, e tamén admite que deben bonificarse as peaxes.

Desde a súa adxudicación, a concesión da autoestrada AP-9 tivo varias prórrogas, a última aprobada no ano 2000 por un goberno de José María Aznar, que ampliou o prazo ata 2048. Ademais, Executivos tanto do PP como do PSOE acordaron con Audasa incrementos extraordinarios nas peaxes para financiar diversas actuacións.

Así, o entón ministro José Blanco pactou en 2011 un incremento lineal do 1% nas taxas durante 20 anos para o financiamento da obra de ampliación da ponte de Rande e da circunvalación de Santiago. Do mesmo xeito, Ana Pastor acordou en 2013 un incremento das peaxes en toda a autoestrada para sufragar os descontos entre Vigo e Pontevedra.

Autopista AP9 Chapela cara a Vigo
Autopista AP9 Chapela cara a Vigo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta