Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 04/02/2021 | Actualizada ás 14:46
Todos os maiores de 80 anos que viven en Galicia poderían estar vacinados a principios de maio. Esa é a previsión da Xunta en función das vacinas xa comprometidas por Pfizer e sen ter en conta a chegada de novas unidades doutras compañías, como a de Moderna. “Este é o escenario máis pesimista”, dixo o presidente galego apuntando que se chegan novas vacinas os prazos poden ser acurtados.
Na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, Feijóo insistiu en que Galicia debería recibir o 8,2% das vacinas para os maiores de 80 anos, “xa que esa é a porcentaxe desa poboación que temos do conxunto estatal”, dixo. E esta poboación, que é a segunda prioritaria en vacinarse, comezará a facelo en febreiro para estar “inmunizda” en maio.
“A ver se na terceira semana de febreiro comezamos a primeira dose para rematala en marzo e que todos estean vacinados xa en maio. Este é o escenario máis pesimista porque agardamos máis vacinas”, dixo Feijóo.
RESTO DE GRUPOS PRIORITARIOS
Por outra banda, ademais dos maiores de 80 anos, neste segundo grupo prioritario estaría o resto de profesionais sanitarios non prioritarios, os profesionais e usuarios de centros de día e o persoal de axuda no fogar. Todos eles deberían estar inmunizados en maio segundo as previsións da Xunta.
Feijóo destacou que a partir do 8 de febreiro comezarán as primeiras doses do resto do persoal sanitario non prioritario e sobre mediados de febreiro serían os profesionais e usuarios de centros de día e o persoal de axuda no fogar.
Antes, o 9 de febreiro terían que estar inmunizadas case todas as residencias, un 90%, agaś nas que hai focos activos. Tamén o 15 de febreiro deberían recibir a súa segunda dose os 21.000 profesionais sanitarios considerados prioritarios.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.