O Concello de Ferrol deberá indemnizar con máis de 85.000 euros a unha veciña que perdeu un ollo nunha caída

A afectada introduciu o pé nunha zona na que faltaban varias pedras e ao caer a súa cara impactou contra a rúa empedrada.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/02/2021 | Actualizada ás 20:23

Comparte esta noticia

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) condenou ao Concello de Ferrol a indemnizar a unha veciña deste municipio, de 78 anos, con 86.863 euros en concepto de indemnización por responsabilidade patrimonial como resultado dunha caída na vía pública, que lle supuxo a perda dun ollo.

O incidente produciuse o 22 de febreiro de 2017, na confluencia das rúas Pardo Baixo con Cantón de Molins e a praza das Angustias. A afectada introduciu o pé nunha zona na que faltaban varias pedras, bateu contra o chan e a súa cara impactou contra a rúa empedrada.

Nun primeiro momento, a muller presentou unha reclamación patrimonial que non foi atendida, polo que iniciou entón un proceso xudicial coa presentación dunha denuncia no Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ferrol, o cal fallou a favor da muller o 25 de setembro de 2018, que recoñecía o seu dereito a percibir esta cantidade económica para resarcir os danos.

Tras ese fallo condenatorio, o Concello de Ferrol presentou un recurso en segunda instancia, ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, que en data de 3 de febreiro deste 2021 ditou sentenza. Así, maniféstase nos mesmos termos que o xulgado ferrolán e incide en que, tras o manifestado por varias testemuñas da caída, "a súa causa estivo no deficiente estado do empedrado no lugar".

Segundo consta na sentenza, esta pode ser recorrida ante a Sala Terceira do Tribunal Supremo (TS). Como avogados da muller actuaron Javier Artabe Mariñas e Dolores Cao Timiraos, de Ferrol, que destacaron que nesa mesma zona xa defenderon a outras persoas por "sinistros similares", un lugar no que "non existe ningunha sinalización nin paso de peóns próximo".

Sede TSXG. EUROPA PRESS - Arquivo
Sede TSXG. EUROPA PRESS - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta