A Garda Civil alerta dun accesorio para cadeiras de bebé tras a morte dunha nena en Arousa

A familia da cativa, morta en agosto de 2018 nun accidente de tráfico, denuncia a empresa comercializadora do dispositivo que despraza as cadeiras para gañar espazo nos asentos traseiros dos vehículos.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 09/02/2021 | Actualizada ás 18:40

Comparte esta noticia

A morte en Vilanova de Arousa, en agosto de 2018, dunha nena de tres anos como consecuencia do impacto do coche no que viaxaba, conducido pola súa nai, contra a parte traseira dun autobús, derivou nunha alerta oficial e unha denuncia contra a empresa comercializadora dun dispositivo que despraza as cadeiras infantís para gañar máis espazo nos asentos traseiros dos vehículos.

Cadeiras de bebés nun coche
Cadeiras de bebés nun coche | Fonte: RiveKids.

Aínda que nun primeiro momento se considerou que a nena falecera como consecuencia de golpearse a cabeza contra unha suposta tablet que levaba nas súas mans no momento do accidente, a investigación levada a cabo pola Garda Civil determinou que a cadeira infantil de seguridade deformouse e desprazouse cara adiante entre 5 e 7 centímetros como consecuencia de ter instalado un accesorio comercializado como RiveKids.

Trátase dunha barra metálica axustada á cadeira, que despraza os SRI de ancoraxe ao lateral para gañar máis sitio no asento central da parte traseira do vehículo.

Da investigación levada a cabo despréndense que "houbo unha oscilación e a pequena golpeouse contra a parte posterior do asento do copiloto dianteiro, onde había un aparello de DVD".

NON HOMOLOGADO

A Asociación Unificada de Gardas Civís (AUGC) acreditou que este tipo de dispositivo, que se ancora simultaneamente ao ISOFIX do coche e ao SRI, "non está homologado e por tanto o seu uso non está autorizado, contravindo deste xeito o artigo 117.4 do Regulamento Xeral de Circulación".

Neste sentido, a AUGC sinala as agrupacións de Tráfico da Garda Civil recibiron un escrito no que se lle imparten instrucións sobre a forma de actuar dos axentes en caso de atoparse con usuarios que estean a facer uso deste dispositivo non homologado: "Os axentes deberán formular o correspondente boletín de denuncia".

A día de hoxe esta infracción supón o pago de 200 euros de multa e a detracción de 3 puntos de carné, ata que se aprobe o andteproyecto de reforma do carné por puntos, momento no cal a detracción será de 4 puntos.

Ademais da correspondente denuncia, os axentes actuantes, co fin de garantir a integridade física do menor, aseguraranse de que o condutor retira o dispositivo e ancora o SRI correctamente ao ISOFIX do vehículo, tal e como indica o manual de instrucións, antes de continuar a marcha.

MÁIS DE 10.000 UNIDADES E DENUNCIA

A AUGC estima que en España se venderon máis de 10.000 unidades deste dispositivo, podendo ocasionar lesións graves ou mortais aos nenos que os utilicen. Por iso, a asociación insta a todas as familias que se atopen actualmente facendo uso deste dispositivo "que, polo ben dos seus fillos, retíreno de inmediato".

O avogado da familia da pequena falecida confirmou que iniciou proceso xudicial contra a empresa comercializadora deste accesorio por un suposto caso de publicidade enganosa e un defecto na fabricación do aparello que pon en risco aos usuarios.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta