A Xunta destina 400.000€ para que os "millennials" coman peixe

A maior parte do diñeiro é para anuncios en medios de comunicación galegos, pero tamén para a contratación de "influencers".

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 07/03/2021 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

“Servizo de desenvolvemento dunha campaña para a promoción dos produtos procedentes da pesca e da acuicultura entre a poboación xuvenil no 2021 e 2022”. É como xustifica a Consellería de Pesca unha nova campaña para impulsar o consumo de peixe pero, desta volta, entre a poboación “millennial”

Posto de peixe nun mercado
Posto de peixe nun mercado | Fonte: EP

Esta é unha nova campaña de promoción do consumo de peixe. Entre elas están “mar Achega”, “o mar que nos move”, “Fai clic ao teu bocata” e a difusión de marcas como “PescadeRía ¿de onde se non?”, “Mexillón de Galicia” ou mesmo determinados produtos coma o polbo ou o bonito.

Pero este departamento “botaba en falla” unha campaña destinada a fomentar o consumo de produtos do mar entre a poboación xuvenil”. Unha campaña que xa é o terceiro ano que se realiza. “Consideramos fundamental chegar á xente nova xusto na franxa de idade na que se atopa en plena fase de formación profesional e/ou emancipación”, xustifícase a consellería. Por iso, lanzou esta nova campaña cun valor estimado de licitación de 400.000 euros sen IVE.

“COLECTIVO QUE SE ATOPA NUN MOMENTO VITAL”

Trátase de achegar, di Pesca, estes produtos a un colectivo “que se atopa nun momento vital (estudos superiores, enmancipación, incorporación ao mercado laboral...) no que se ven obrigados a facer a compra, ter contacto cos fogóns e deixar de comer no fogar familiar”. “Queremos amosarlles a mercar peixe, a explicarlles a súa procedencia, a orientalos no prezo e rematar co descoñecemento que poidan ter á hora de mercalo. Que sexan conscientes de que o peixe non morde, alimenta”.

Esta campaña pretende chegar a un público eminentemente mozo, no que se sitúa o grupo coñecido como millennials. Un público entre os 18 e o 35 anos, idade na que comezan a estudar ou traballar fóra da casa e a emanciparse. Por iso, a campaña inclúe a posta en marcha dun plan de comunicación para fomentar o consumo de peixe, a súa creatividade e as insercións publicitarias nos grandes medios. Tamén a “contratación dunha serie de influenciadores ou prescriptores, persoeiros amplamente coñecidos polos destinatarios da campaña, que actúen como embaixadores da campaña durante o período de vixencia do contrato”.


Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta