O PP aproba en solitario a lei que permite axilizar trámites a parques eólicos e mineiras

A oposición critica o trámite de urxencia dunha norma á que grupos ecoloxistas e sociais se refiren como a "lei de depredación industrial".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/02/2021 | Actualizada ás 18:49

Comparte esta noticia

A lei de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia --coñecida como "lei de depedación industrial" por distintos colectivos sociais e ecoloxistas-- incorporou en comisión un total de 46 emendas do PP e 12 do PSOE --seis delas transaccionadas cos populares--, antes do seu último debate e previsible aprobación co apoio do grupo maioritario no pleno do Parlamento da semana que vén.

As 128 emendas presentadas polo BNG foron rexeitadas este luns na comisión de economía da Cámara autonómica, onde ambos os partidos da oposición, nacionalistas e socialistas, criticaron o trámite de urxencia empregado para sacar adiante esta norma.

Pola súa banda, o portavoz do Partido Popular no debate, Miguel Tellado, xustificou o seu rexeitamento ás emendas do Bloque ao asegurar que o que fixo esta formación foi "outra lei, a lei de retardación", ao seu xuízo propia "do século XIX". Mentres, considerou que o PSdeG non apoia a proposición por estar preso "das súas liñas vermellas", ao entender que en realidade está a favor.

Parques distribuídos por todo o territorio galego, segundo a Asociación Eólica Empresarial
Parques distribuídos por todo o territorio galego, segundo a Asociación Eólica Empresarial | Fonte: AEE.

"CHAPUZA DISFRAZADA"

Na súa quenda, Noa Presas expuxo o rexeitamento do BNG a unha norma que, ademais de cualificar de "chapuza", viu "disfrazada" de simplificación e propostas para a reactivación. Entre outras cuestións, advertiu de perda de garantías na tramitación de parques éolicos, algo que negou Tellado.

Por parte do PSOE, Begoña Rodríguez Rumbo subliñou que o seu grupo considera que o obxectivo de elaborar unha lei que favoreza a simplificación burocrática e a reactivación da economía "pódese facer mellor", pero lamentou que son os populares, na súa opinión, "os que non queren que a oposición pacte o texto".

As EMENDAS

Varias das emendas dos socialistas incorporadas na comisión introducen simplemente matices na redacción, ao engadir frases como "... e a mellora da calidade de vida da cidadanía de Galicia" ou outras relativas ás "garantías de sustentabilidade económica, social e ambiental".

Tamén piden nun determinado punto unha "planificación estratéxica e xestión por obxectivos co establecemento de indicadores" e noutro buscan "favorecer o máximo diálogo social" mediante a constitución dun foro de participación "específico" conformado por representante sde as organizacións empresariais e dos sindicatos máis representativos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta