Precísase alternativa

O Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) fixo público o seu tradicional “barómetro de primavera”, uns días antes da comparecencia “final de cita”. A enquisa realizouse a 2.476 persoas,entre o 1 e o 10 de xullo, agoniadas polo paro (80.9) e os problemas económicos (32.0),nunha situación económica xeral que consideran mala ou moi mala (89.9), igual ou peor que hai un ano (90.1) e que, coidan, o vindeiro será igual ou peor (71.0). Isto nunha situación política xeral mala ou moi mala (81.0), igual ou peor que hai un ano (92.2) e que tamén o será dentro de doce meses (77.1). Á pregunta de cómo valoran a acción do goberno, o 68.9 considéraa mala ou moi mala e o 85.0 ten pouca ou nula confianza no presidente. O labor da oposición (PSOE) é cualificada do mesmo xeito polo 68.4 das persoas enquisadas e o 89.5 non depositan confianza no líder deste partido.

Por Carlos Méixome | Vigo | 08/08/2013

Comparte esta noticia

Os dous partidos do réxime obteñen un 13.2 (PP) e un 12.5(PSOE) de voto directoque debidamente “cociñados” o CIS converte en 32.5 (PP) e 27.2 (PSOE). En principio nada preocupante para ambos os dous se non fose polo 24.0 (voto directo) que afirma que non votará e o 20.2 de indecisos que se concreta en que o 40.5 dos entrevistados afirman que non votarían a ningún partido.

Escusen a ramalladanumérica. Mais era necesario para salientar que o enorme descontento social e político non ten unha clara translación ás instancias políticas. O réxime, como o submarino no xogo adolescente, está tocado pero non afundido. O desespero non atopa consolo nunha urxente e necesaria ilusión tanxible. Precisase unha alternativa.


Non é posible intentar facer realidade a ilusión? Non é posible atender á emerxencia? Non é posible unha ampla alianza entre as expresións políticas dese descontento social e político? Non é posible argallar unha fronte opositora ás políticas devastadoras da Comisión Europea e dos outros dous pés da troika? Non é posible o diálogo entre as esquerdas periféricas e as centrais? Non é posible axudar á deconstrución mental das pulsións estatalistas da esquerda española? Non é posible encetar un proceso constituínte a partir dos catro suxeitos nacionais?.


En principio, o carácter supraestatal da próxima convocatoria electoral pode facilitar este labor, nada doado por certo. Os conservadores sempre aducen que a política é a arte do posible, cando, na realidade o que queren dicir é que non queren mudar nada. A esquerda debe matinar nos xeitos de facer realidade o posible, para o que é preciso vontade política, xenerosidade persoal e ser quen de preguntarnos polos vellos interrogantes estando abertos a respostas diferentes.


Sempre crin que a única forma de recoñecer un dereito é exercelo. É por iso que a autodeterminación, persoal ou política, supón a independencia, en maior ou menor nivel, e comeza a exercerse dende a autoafirmación e a autoorganización. Mais tamén creo que o nacionalismo galego ten que estar non só presente nas institucións estatais senón participar na formulación de propostas alternativas ao modelo franco-borbónico. A historia non está predeterminada e debemos inventala en circunstancias que en boa medida nos veñen impostas, dicía o vello Marx.


Non é posible o entendemento entre as diversas formulacións da esquerda das catro nacións para clausurar a segunda restauración borbónica? Matinaron as forzas políticas aquí apeladas en canto durarían os dous partidos do réxime se non acadasen o 50% dos votos?.

A realidade primeiro hai que imaxinala.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Carlos Méixome Quinteiro Licenciado en Filosofía e C. da Educación. Profesor de Xeografía e Historia no Ensino Secundario. Activista cultural e militante nacionalista dende moi novo. Ten publicado diversos traballos sobre Historia Contemporánea e, en colaboración, sobre Cuba, Rusia e Iugoslavia. Nos últimos anos ten publicado multitude de artigos sobre a represión franquista no sur de Pontevedra, nomeadamente no Val Miñor.