O tetralema da esquerda

Dani Rodrick falounos, no seu paradoxo da globalización, do trilema político. En resumo, necesariamente simple, pero na procura de ser fieis ás súas palabras, diriamos que non podemos pretender xuntar hiperglobalización, democracia e autodeterminación nacional. Debemos escoller dúas das tres opcións.

Por Carlos Méixome | Nigrán | 22/12/2014

Comparte esta noticia
Isto é, se queremos hiperglobalización e democracia, temos que renunciar á nación Estado; se desexamos manter a nación Estado e hiperglobalizar a economía teremos que esquecernos da democracia e, finalmente, se pretendemos combinar democracia con nación Estado temos que limitar a hiperglobalización.  Para Rodrick, e de seguro que para moitas das persoas lectoras destas liñas, é esta última a renuncia que lle parece máis acaída para unha prosperidade equilibrada e sostible e, di Piketty, regular o capital no século XXI.
 
A verdade é que Rodrick inventou un “palabro” de narices. No dilema a cousa é simple, se afirmamos A negamos B; no problema que nos presenta o catedrático de Harvard temos que escoller e eliminar unha das tres opcións.
 
Máis rechamante é o caso da esquerda galega e da esquerda en Galicia. Neste caso pasan de tres a catro, por resumir, os elementos a considerar e xa que logo multiplícanse as posibilidades de rexeite. Estamos ante un tetralema, por simplificar, de imposible solución:  A non quere ir con B nin con C pero si con D; mentres que  D quere ir con A pero tamén con B; pero este último quere ir con C quen non se fía das contaminantes intencións de B nin de D... e así “ata o infinito e máis alá”.
 
As esquerdas gustan de palabras grandilocuentes para baleiralas, por reiterado abuso, de significado. A “damisela” máis cortexada é a de “unidade”. Todas din perseguila, desexala,  estar dispostas a facer calquera caste de sacrificio para lograla; mais ela, puritana, non se deixa engaiolar xa que ben sabe que as distintas pretendentes son unhas garatuxeiras que non xogan máis que ao engano dos barallocas, a impostura dos bulebule e a falsidade camanduleira. A “historieta” reitérase como farsa unha e outra vez. O tetralema da esquerda é un problema insoluble.
 
A non ser que se mude de perspectiva e comprendamos que non é o problema o que non ten solución, senón a esquerda das letras maiúsculas separadas por puntos. Viremos o rumbo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Carlos Méixome Quinteiro Licenciado en Filosofía e C. da Educación. Profesor de Xeografía e Historia no Ensino Secundario. Activista cultural e militante nacionalista dende moi novo. Ten publicado diversos traballos sobre Historia Contemporánea e, en colaboración, sobre Cuba, Rusia e Iugoslavia. Nos últimos anos ten publicado multitude de artigos sobre a represión franquista no sur de Pontevedra, nomeadamente no Val Miñor.