Fragmentos e manobras

Levabamos meses falando dunha ampla alianza de forzas de esquerda nacionalista e outras de esquerda, tanto no ámbito das nacións sen estado como no da España “strictu sensu”, que soubese conxugar o duplo espazo de ruptura: cambio de réxime e soberanía das nacións; que fose quen de xunguir os dereitos da cidadanía agredida co das nacións negadas; que asumise a loita pola democracia expresada no “non nos representan” e no “dereito a decidir”.

Por Carlos Méixome | Gondomar | 06/06/2014

Comparte esta noticia
Era factible, coidabamos, ao ser as europeas unhas eleccións que podían evitar tensións inter e intra partidarias ou grupais. Mais sobre todo diciámolo pola intuída posibilidade de derrota do bipartidismo reinante. O trazo de xiz sería o 50% dos votos emitidos; por riba da mediana os partidos de quenda respirarían; por baixo entrarían en shock. 
 
Erramos ao considerar que o carácter difuso das europeas facilitaría a relaxación de tensións. Os aparatos organizados, tanto no país como en Madrid, remataron por impoñer os seus criterios. Mais  é moita a cidadanía que xa non gusta dos pratos precociñados; case tanta como a que reuniron os que se autoconsideran representantes exclusivos ou excluíntes da rebeldía social.
 
Pero non nos equivocabamos en todas as nosas intuicións. No conxunto do estado os partidos reinantes entraron en shock. En Galicia respiraron. En Cataluña, no País Vasco e Navarra agardan a extrema unción. Fóra destas dúas nacións ficou un sabor agridoce por mor da provocada fragmentación do punto de encontro no dobre espazo de ruptura. Ficou ben nidio entre nós: tres leiras máis ou menos semellantes e a concentración cada vez menos doada. 
 
As elites consensuadas na transición olláronlle as orellas ao lobo e deseguida comezaron as manobras para salvar o réxime e non só a monarquía. A abdicación é o inicio dun contraataque político que terá tres estacións claves o 9 de novembro en Cataluña, as eleccións locais de maio de 2015 e as, en teoría posteriores, ou vai saber ti, xerais.
 
Falando de nós. Polo seu carácter, os procesos electorais do ano que vén non axudan.  A non ser que as bases sociais e electorais sexan quen de impoñerse ás estruturas organizadas. Nesta rebeldía interna está a esperanza de que florezan por maio 314 candidaturas de unidade veciñal que concentren esforzos e permitan desafiuzar un dos dous de sempre e o outro xibarizalo. Ben sei que a historia non se repite a non ser como farsa pero por un seascaso  ben poderían esas candidaturas encetar os seus programas definíndose pola forma republicana de estado e converter as municipais nun referendo como naquel 14 de abril.
 
Estamos nun tempo de emerxencia social pero tamén da nación dos galegos e galegas, ameazada de morte. Non é momento de escisións falaces entre sociedade e nación, senón de liderados xenerosos e rebelións internas para concertar e concretar esforzos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Carlos Méixome Quinteiro Licenciado en Filosofía e C. da Educación. Profesor de Xeografía e Historia no Ensino Secundario. Activista cultural e militante nacionalista dende moi novo. Ten publicado diversos traballos sobre Historia Contemporánea e, en colaboración, sobre Cuba, Rusia e Iugoslavia. Nos últimos anos ten publicado multitude de artigos sobre a represión franquista no sur de Pontevedra, nomeadamente no Val Miñor.