O Entroido da covid: “Nin a guerra detivo os nosos devanceiros”

Este 2021 pasará á historia como un ano no que non se puido festexar o entroido por mor da Covid. Coñecemos o sentir das ‘mázcaras’, figuras protagonistas no Fulión de Manzaneda.

Por X.M. Fernández | Manzaneda | 18/02/2021 | Actualizada ás 22:20

Comparte esta noticia

Aproveitando estas datas falamos con Dani Domínguez, mázcara no fulión da “Mourela para acá”. É da Bidueira, en Manzaneda, pero actualmente vive en Viana do Bolo, a unha media hora de camiño.

Marcos, mázcara de Raigada cos seus fillos. Foto: Marcos
Marcos, mázcara de Raigada cos seus fillos. Foto: Marcos

Dinos con moita mágoa que a situación actual e o peche perimetral impediulle achegarse á súa aldea quedando tamén sen poder ‘enmazcararse’. “Nun entroido normal estaría alí”, comenta, e confésanos que estas datas son as mellores do ano para el, “estes días son sagrados para min, non os cambio por nada”. De feito, garda os días de vacacións para o entroido e moitos compañeiros e compañeiras de traballo estráñanse de que prefira gardar datas para estes días e non para o verán.

“A xuntanza social entre aldeas é unha pasada e hai un sentimento xeral de tristura”, dinos. Para el, ademais do acto social representa non poderse vestir, non poder ‘enmazcararse’ cando leva facéndoo dende o ano 1995, cando tiña uns 8 anos. Cóntanos tamén que estes días estivo vendo vídeos e ata chorou vendo un no que o está vestindo a súa nai. “Hai que tirar de recordos e esperar que para o ano se poda facer”, sentencia con resignación.

“Hai que tirar de recordos e esperar que para o ano se poda facer”

Cando lle preguntamos se houbo algún intento de facer algo este ano coméntame que valoraron quedar para falar do tema, para ver se se podía facer algo tomando medidas, incluso para gravar e emitir por internet, e tamén pensaron en quedar para reparar puchos... pero co peche perimetral xa desbotaron todo.

Daniel Domínguez descansando despois de bailar nun Fulión. Foto: XMF
Daniel Domínguez descansando despois de bailar nun Fulión. Foto: XMF

Falamos tamén con Camilo, de Cernado, en Manzaneda. Un rapaz que se enmazcara, toca o bombo e tamén participa nas obras satíricas en verso que se fan nas Fuliadas. Dinos que, respecto á posibilidade de quedar e xuntarse para facer algo este ano, el sempre tivo a esperanza de quedar aínda que había moita incerteza... confesa que ao final algo fixeron, con moito sentido e medidas, e que está “moi contento de telo feito, supoño que se non puidese saír no fulión este ano sentiría un baleiro moi grande porque faltaría algo en min... e ao final puiden facelo, chegas a un confor interno que é ao mesmo tempo como un ‘reset’, no sentido que ten a propia mázcara e o baile que é un renacer entre a vida e a morte, un renacer do ciclo”.

Abondando no sentir, Camilo dinos que quizais "neste momento que vivimos se dá un máis de conta do importante que é a xente que transmite e fai posible isto”, e vai máis alá deixándonos unha mensaxe de agradecemento para “todos eses vellos, pais, nais, veciños, amigos e xente que compón o fulión, xa sexa colocando un alfiler a unha mázcara ou tocando un sacho”, porque eles transmiten e fan posible seguir co ‘entrudio’ de Manzaneda.

"Neste momento que vivimos se dá un máis de conta do importante que é a xente que transmite e fai posible isto”

Rematamos o contraste de impresións con Marcos, mázcara de Raigada. Tamén sentiu moita mágoa e di que “non estaba afeito a que isto poidese pasar, nunca me pasara pola cabeza que chegaría un ano coma este de dicir non podo enmazcararme nin sequera dar unha pequena rolda ao pobo”.

Cóntanos que dende que tiña un ano e ata hoxe, con corenta e un, non perdeu a ocasión de enmazcararse polo entroido e este será o primeiro que non o fixo. “Nin a guerra detivo os nosos devanceiros e agora isto a nós si que nos vai deter”, di amolado.

“Nin a guerra detivo os nosos devanceiros e agora isto a nos si que nos vai deter”

Para rematar, refírese á xente que fai posible e vive esta celebración cada ano. “A xente está ante unha situación que nunca antes se viviu, máis aló do que é o fulión, xa sexa tocando ou bailando está o día a día das xentes do pobo que se ven e nin sequera poden botar a fariña... estes días para moitos dos veciños, por non dicir a todos, fanse uns días moi tristes e duros, días de moito pensar... esperemos que para o ano poidamos saír”.

Longa vida ao 'Entrudio', ao 'Fulión' e ás 'Fuliadas'.

Camilo tocando o bombo nun Fulión. Foto: XMF
Camilo tocando o bombo nun Fulión. Foto: XMF
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta