Centos de negacionistas de todo o Estado maniféstanse sen máscaras en Santiago de Compostela

Protestan contra a reforma da lei galega de saúde; que, destacan, podería implicar multas para os que se negan a ser vacinados.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/02/2021 | Actualizada ás 20:34

Comparte esta noticia

Centos de persoas de distintas partes do Estado e de diferentes colectivos negacionistas acudiron a Santiago de Compostela para manifestarse este sábado en contra da reforma da lei galega de saúde que, previsiblemente, sairá aprobada o martes no Parlamento de Galicia. Esta protesta, organizada polo colectivo Policías pola Liberdade e secundada por outros similares --Médicos pola Verdade, Nais pola Verdade e Docentes pola Verdade, entre eles--, serviu para mostrar o seu rexeitamento á que chaman a 'Lei Auschwitz', en referencia ao campo de concentración instalado en Polonia por parte da Alemaña Nazi.

Durante a manifestación, iniciada ás 16,30 horas cunha concentración fronte á estación de tren da capital galega, a maioría dos participantes non portaban a máscara obrigatoria, segundo destacou Europapress, levábana baixo o queixo ou, mesmo, optaban por un modelo traslúcido. Ademais, boa parte chegou a Santiago desde distintos puntos de España a pesar de que Galicia e todos os seus municipios atópanse pechados perimetralmente.

A marcha, encabezada por pancartas nas que se lía a principal consigna de 'Non á Lei Auschwitz', foi escoltada en todo momento por axentes do Corpo Nacional de Policía. E é que tamén estaba convocada unha contramanifestación de colectivos antifascistas, que desde a distancia proferiron cánticos como "fascistas fóra de Galicia", aínda que sen chegar a causar enfrontamentos directos.

Antes de iniciar o percorrido, a portavoz de Policías pola Liberdade, Sonia Vescovacci, interveu fronte á estación de tren para cargar contra unha lei que non quere "para ninguén en toda España". Hospitalizacións "pola forza", toques de queda e illamentos "indefinidos", así como "tratamentos médicos forzosos" son algúns dque, segundo denunciou, inclúe a lei. Vescovacci tamén fixo un chamamento a manter un minuto de silencio polos mortos que deixa en España a covid-19. E todo isto a pesar de que, segundo describían algunhas das pancartas vistas na protesta, a pandemia é unha "mentira".

PARADA FRONTE AO PARLAMENTO

A comitiva pasou fronte ao Pazo do Hórreo, edificio sede do Parlamento de Galicia, e alí detívose para seguir lanzando proclamas contra a nova normativa sanitaria. Os manifestantes gritaron reiteradamente a palabra "liberdade" e chamaron "ditador" ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo. A reforma en cuestión, que pretende adaptar a Lei 8/2008, de Saúde de Galicia a un escenario de pandemia, xa viviu unha anecdótica polémica durante a súa tramitación, xa que o portal web 'Lexisla connosco' do Parlamento encheuse hai semanas de centos de mensaxes na súa contra.

En concreto, o cambio normativo, impulsado polo grupo parlamentario do PPdeG e que será previsiblemente aprobado na sesión do martes grazas á súa maioría absoluta, prevé multas de ata 60.000 euros por saltar confinamentos e un réxime de sancións de ata 600.000 euros en tres niveles --leve, grave e moi grave-- para penar o rexeitamento a vacinarse ou facerse probas, pero só no caso de que as autoridades sanitarias establezan a súa obrigatoriedade.

Así mesmo, a multa por non levar máscara márcase nun mínimo de 100 euros, coa posibilidade de incremento en función do incumprimento. E entre outras infraccións leves tamén se atopan: facer botellón, infrinxir os toques de queda, reunións con máis persoas das permitidas, participar en festas que incumpran as medidas aprobadas polas autoridades sanitarias e incumprimentos de horarios de locais.

Todo iso, máis outras previsións que inclúe a lei, rexéitao Policías pola Verdade porque "viola os dereitos humanos e constitucionais", ao empregar ademais palabras como "sometemento", "incautación" e "suspensión". Tamén critican que a reforma da normativa sanitaria se vaia a aprobar "de costas" aos cidadáns e "baixo un absoluto apagamento mediático", xa que os galegos "descoñecen" o seu contido, tal e como dixo o presidente de Policías pola Liberdade, Juan Manuel Ramos Mateo.

Os propios organizadores animaron a todos os presentes a darse cita de novo o martes pola mañá, fronte ao Parlamento, para replicar esta protesta coincidindo co debate da reforma lexislativa.

FINAL NA PRAZA DO OBRADOIRO

A manifestación circulou pola rúa do Hórreo e varias rúas do centro histórico para logo penetrar na insigne Praza do Obradoiro, onde finalizou ao redor das 19,00 horas. Alí, nos soportais do Pazo de Raxoi, representantes dos distintos colectivos interviñeron, micrófono en man, para defender ideas de distinta clase.

Tiveron cabida consignas contra as vacinas, contra a tecnoloxía 5G e contra os medios de comunicación, mentres defenderon non só os seus propios conceptos de "liberdade" e "dereitos fundamentais", senón tamén tratamentos alternativos como o dióxido de cloro e a ozonoterapia.

Do mesmo xeito, colectivos de pais e profesores gritaron que os nenos "non se tocan" e "non están en venda". Na protesta tampouco faltou a música, xa que os centos de participantes animáronse a entoar 'Libre', de Nino Bravo, e unha versión do 'Aleluia' como broche final da protesta.

Varias persoas participan nunha manifestación contra a coñecida como ?Lei Auschwitz?, en Santiago de Compostela, Galicia (España), a 20 de febreiro de 2021. Esta acción, convocada por Policías pola Liberdade, protesta contra proposta de reforma da. César Arxina - Europa Press
Varias persoas participan nunha manifestación contra a coñecida como ?Lei Auschwitz?, en Santiago de Compostela, Galicia (España), a 20 de febreiro de 2021. Esta acción, convocada por Policías pola Liberdade, protesta contra proposta de reforma da. César Arxina - Europa Press | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 4 comentarios

4 anonimo

O dióxido de cloro ( que seica tamén servía para curar o cáncer e o sida, e, por suposto, tamén cura o COVID ) ven ser algo moi parecido a lexía.

3 CastelaoPaSogama

Se é cierto o dos 60 mil euros por saltarse o confinamiento, supoño que avisarán aos peregrinos... A xente vainos saltar igual porque o do celibato é para curas. Os demáis teñen necesidades básicas.

2 Guillerme Gintonic

Houbo detencións e cargas policiais ?

1 Nhacanhaca

Vaia banda de descerebrados. E se lles miramos as pintas parecen trolls saídos da Idade Media. E como chegaron aí cando eu sendo galego non podo ir?