Nova protesta da hostalaría para esixir "un plan real de rescate"

Reclaman a unificación dos distintos ERTEs, exoneración de cota de autónomos, axudas directas para compensar as perdas polo peche, exoneración de taxas e plans estratéxicos de turismo.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/02/2021 | Actualizada ás 14:24

Comparte esta noticia

Hostaleiros da Coruña, case 300 segundo os organizadores, concentráronse na zona do Obelisco no marco dunhas mobilizacións convocadas este mércores en distintas localidades galegas pola Plataforma na Defensa da Hostalaría Galega. Na protesta, promovida no caso da cidade herculina por SHostalería, procedeuse á lectura dun manifesto común a todas as asociacións hostaleiras que integran esta plataforma.

Nel, rexeitan a "criminalización" do sector e esixen un plan de rescate con demandas concretas a cada unha das administracións, Goberno central, Xunta, concellos e deputacións, para manter o tecido produtivo deste sector e evitar o "peche masivo" de negocios. Ás administracións pídenlles tamén "diálogo e apoio".

Ente outras cuestións, reclaman a unificación dos distintos ERTEs, exoneración de cota de autónomos, axudas directas para compensar as perdas polo peche, exoneración de taxas e plans estratéxicos de turismo.

En declaracións a Europa Press, Xabi Barral, membro desta plataforma, denunciou que as axudas aprobadas son "insuficientes" dado o número de negocios que hai neste sector. "Non che dan nin para pagar medio mes de aluguer", expuxo como exemplo. Ademais, dixo que moitos hostaleiros aínda non percibiron as axudas outorgadas, mentres manifestou que non se senten representados polos representantes da hostalaría que negociaron coa Administración autonómica.

MÁIS PROTESTAS

Por este motivo, asegurou que o seu obxectivo é constituír unha federación que agrupe o sector a nivel autonómico e poder abordar estas cuestións coas distintas administracións. Xunto a máis axudas, reclamou tamén que "se paralice a carga fiscal" ou se adopten medidas que alivie a situación do sector a este respecto. "Non se nos trata como deberían", incidiu en referencia ao peso que este sector ten na economía.

Durante a protesta, exhibiron, segundo explicou, pancartas tamén de apoio ao pequeno comercio e ao sector da cultura para buscar a "unión" dos distintos sectores afectados. Mentres, avanzou que preparan novas protestas para a próxima semana, á vez que organizarán unha mobilización o 13 de marzo en Santiago de forma conxunta os hostaleiros agrupados na plataforma.

Hostaleiros coruñeses concéntranse con pancartas nas inmediacións da Praza do Obelisco para reclamar indemnizacións ao sector pola pandemia. M. Dylan - Europa Press
Hostaleiros coruñeses concéntranse con pancartas nas inmediacións da Praza do Obelisco para reclamar indemnizacións ao sector pola pandemia. M. Dylan - Europa Press | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta