Galicia remata febreiro con menos de 5.500 casos activos e 532 ingresados, tres veces menos que hai un mes

Os novos casos detectados nun día baixan a 208, pero a presión hospitalaria repunta lixeiramente nas áreas de Vigo, Lugo e Pontevedra

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 28/02/2021 | Actualizada ás 11:43

Comparte esta noticia

Galicia arrincou febreiro en cifras máximas da pandemia con máis de 22.000 casos activos de covid-19 e case 1.500 ingresados, pero o último día do mes os datos da Consellería de Sanidade confirman a tendencia descendente tras semanas de máximas restricións. En concreto, os enfermos por coronavirus sitúanse agora en 5.485, o 24% que os que había o día 1, e en 532 os hospitalizados, en torno ao 37% que no arranque do mes.

Varias persoas no municipio de Guitiriz, Galicia (España), a 26 de febreiro de 2021. Guitiriz xunto coas localidades lucenses da Pontenova, O Corgo mantense á marxe das medidas da desescalada que desde hoxe empezou a aplicar a Xunta. Carlos Castro - Europa Press
Varias persoas no municipio de Guitiriz, Galicia (España), a 26 de febreiro de 2021. Guitiriz xunto coas localidades lucenses da Pontenova, O Corgo mantense á marxe das medidas da desescalada que desde hoxe empezou a aplicar a Xunta. Carlos Castro - Europa Press | Fonte: Europa Press

Ademais, de acordo cos datos deste domingo solicitados ata as 18,00 do sábado, nas 24 horas previas detectáronse 208 novos contaxios por coronavirus --en todo tipo de probas, non só PCR--, cando un mes atrás superaban o milleiro.

Con todo, no que respecta á presión hospitalaria, obsérvase un estancamento na caída, xa que os 532 ingresados que rexistra Sanidade son só un menos que os que notificaba o sábado. E é que, aínda que son seis menos os pacientes en unidades de coidados intensivos (UCI), un total de 108, os que se atopan en planta subiron en cinco, ata os 424.

Por áreas sanitarias, as de Vigo, Lugo-A Mariña-Monforte e Pontevedra-O Salnés sofren unha repunta nos datos deste domingo. A viguesa rexistra 74 ingresados en total, cinco máis, aínda que en críticos hai 15, un menos.

Na pontevedresa, os hospitalizados alcanzan os 59 tras subir en dous máis, pero os que están en UCI descenden en tres, ata os 14; e na lucense os ingresados soben en cinco, a 43, mentres que os críticos mantéñense estables, en 13

O resto rexistran tímidas baixadas. A área sanitaria da Coruña-Cee continúa á cabeza con 176 hospitalizados, aínda que diminúen nun, dos que están na UCI 38, dous menos.

Tamén cae a presión hospitalaria na área de Santiago-Barbanza, a 72 ingresados (-1), 17 deles (sen cambios) en coidados intensivos; na de Ferrol, con 71 en total (-4), oito en UCI (-2); e en Ourense-Verín-O Barco, con 37 ingresados (-6), tres destes en críticos (-2).

MENOS CASOS ACTIVOS

Os casos activos proseguen a tendencia descendente ata situarse en 5.485, tras baixar en 415 nun día. A última vez que Sanidade notificou un número máis baixo de enfermos totais de covid habería que remontarse ao 19 de outubro, en pleno ascenso da segunda onda da pandemia.

Todas as áreas sanitarias continúan en caída e soamente a da Coruña-Cee supera o milleiro, ao rexistrar 1.810 casos activos, 80 menos que os notificados 24 horas atrás.

Séguelle a de Vigo, con 927 casos activos de coronavirus, tras descender en 18 no último día. Tamén caeron na área de Pontevedra-O Salnés, a 783 (-59); na de Santiago-Barbanza, a 588 (-57); e na de Ferrol, a 544 (-77).

As que menos pacientes teñen son a de Lugo-A Mariña-Monforte, cun total de 511, tras baixar en 80 nas últimas 24 horas; e a de Ourense-Verín-O Barco, con 322, ao descender en 44.

NOVOS CONTAXIOS

Así mesmo, o parte deste domingo recolle que, desde o inicio da pandemia, contaxiáronse de coronavirus un total de 112.518 persoas en Galicia. Isto permite saber que, entre as 18,00 do venres e as 18,00 do sábado, detectáronse 208 novos contaxios a través de todo tipo de probas, 64 menos que o día anterior. De todos estes, 194 foron confirmados cunha PCR.

Na área sanitaria da Coruña, nas últimas 24 horas detectáronse 90 positivos, un descenso de 20 sobre os do día anterior. Tamén destacan as áreas de Vigo, con 45 novos contaxios --un menos que a xornada previa--; e Pontevedra, con 33 --dez menos--.

En canto ao resto, atópanse en cifras mínimas. A de Santiago suma 15 novos positivos (-2); Ourense nove (-11); Ferrol oito (-5); e Lugo outro oito (-15).

Ata a data as persoas que se contaxiaron de covid-19 en Galicia ascenden a 112.518. A área da Coruña-Cee foi a máis afectada, con 26.845 infectados desde o inicio da pandemia. Vigo acumula 21.167; Santiago-Barbanza, 17.956; Ourense-Verín-O Barco, 14.537; Pontevedra-O Salnés, 12.360; Lugo-A Mariña Monforte, 11.694; e Ferrol, 7.959.

FALECIDOS E CURADOS

Desde o inicio da pandemia, 2.227 persoas faleceron en Galicia tras ser diagnosticadas con coronavirus, despois de notificar Sanidade na noite deste sábado a morte doutras sete.

Ata o momento curáronse de coronavirus 104.823 persoas, o que nun día recibiron o alta 616.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta