A Xunta esperará á finalización do inverno para avaliar os danos no marisco polas choivas caídas

Desenvolvemento Pesqueiro da Xunta vaticinou "unha recuperación importante" das especies "cun bo repunte" e "un período de crecemento bastante rápido", polo que "algunhas especies nun ano ou ano e medio poderían estar xa preparadas".

Por E.P. | Santiago de Compostela | 02/03/2021 | Actualizada ás 14:39

Comparte esta noticia

A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez Carballo, avanzou este martes que a Xunta espera ter "coñecemento absoluto" do impacto das precipitacións deste ano sobre a mortalidade de especies de marisqueo "ao acabar o inverno", cando os técnicos realicen as análises de acordo cun protocolo no que participa o propio sector.

No entanto, dixo que é "habitual" e "inevitable" o aumento da mortalidade de moluscos bivalvos --principalmente do berberecho e as ameixas babosa e xaponesa, entre os exemplos que mencionou-- en zonas de marisqueo pola baixada de salinidade da auga como consecuencia das abundantes choivas.

Así respondeu a directora xeral a unha pregunta realizada na Comisión 8ª, de Mesca e Marisqueo, do Parlamento galego por parte da deputada do BNG Rosana Pérez, quen alertou ante este fenómeno observado nas últimas semanas nas rías de Pontevedra, Arousa e Vigo.

A nacionalista recoñeceu que "parece que son comúns" estes episodios pola baixa salinidade que deixan as abundantes choivas, pero puntualizou que, no caso de Arousa, "non é a primeira vez que se denuncia" o posible impacto ocasionado polo encoro de Portodemouros no río Ulla.

Neste contexto, a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro indicou que a mortalidade polo exceso de auga doce é "consecuencia natural" dos límites de salinidade que tolera cada especie. "Pode chegar mesmo a desaparecer en zonas concretas toda a poboación dunha determinada especie", avisou.

Rodríguez Carballo apostou por esperar a que "acabe o inverno", xa que será entón cando os técnicos realicen as análises e a Consellería teña "o coñecemento absoluto do que pasa en determinados bancos".

"UNHA RECUPERACIÓN IMPORTANTE"

Iso si, a responsable de Desenvolvemento Pesqueiro da Xunta vaticinou "unha recuperación importante" das especies "cun bo repunte" e "un período de crecemento bastante rápido", polo que "algunhas especies nun ano ou ano e medio poderían estar xa preparadas para volver explotarse".

Sobre o impacto da presa de Portodemouros na ría de Arousa, a directora xeral garantiu que a Xunta está "atenta" por se se dá unha "solta masiva de auga". En calquera caso, apelou á "tranquilidade" e asegurou que no río Ulla "o que desemboca é moitísimo máis que o regulado polo propio encoro".

Non en balde, Rodríguez Carballo aproveitou para reivindicar que o Goberno galego conta cunha "estratexia global cun procedemento de axudas" cunha tramitación "áxil" para paliar o impacto que ten neste sector.

Marisqueo
Marisqueo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta