Temas: FRASEOLOXíA

Formas galegas que dan conta da voz castelá “rato” como espazo de tempo (3ª parte)

O lingüista Xosé Antonio Pena Romay publica unha nova entrega da sección de fraseoloxía "Verbas sisudas non queren testemuñas".

Por Xosé Antonio Pena | Compostela | 07/03/2021 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

Seguimos avanzando no mundo dos xeitos galegos de dicir que ocupan os mesmos ámbitos de uso cá voz castelá rato na súa significación de espazo de tempo, nomeadamente curto.

Un home move a manecilla do reloxo para cambiar a hora
Un home move a manecilla do reloxo para cambiar a hora | Fonte: Jesús Hellín - Europa Press

TODO EL RATO

Para a secuencia todo el rato do castelán dispomos de diversas opcións en galego, segundo os contextos:

a) A locución todo o tempo.

Ex.: Estuvo todo el rato protestando.

Estivo todo o tempo protestando.

b) Adverbios como seguido, decontino, arreo, continuamente

Ex.: Estivo seguido protestando. & Estivo protestando decontino. & Estivo protestando arreo.

c) Outro tipo de recursos, máis ou menos axeitados en función de cada contexto:

Ex.: Estivo protestando sen parar. & Estivo protestando sen descanso.

PASAR EL RATO

Naqueles casos en que en castelán falan de pasar el rato, en galego pasamos un anaco (mesmo tamén, se cadra menos habituais, un bocado, un cacho ou un pedazo), pasamos o tempo # no tempo ou incluso enredamos o tempo # no tempo.

Ex.: —¿Qué hacéis? —Nada especial. Aquí, pasando el rato.

—¿Que estades a facer? —Nada especial. Aquí, pasando un anaco pasando un bocado pasando un cacho pasando un pedazo pasando o tempo pasando no tempo enredando o tempo enredando no tempo.

UN RATO (LARGO) [=moito, en gran cantidade ou intensidade]

Pola súa banda, no tocante ó emprego de un rato ou un rato largo co significado de, a grandes trazos, “moito, en gran cantidade ou intensidade”, podemos diferenciar dúas casuísticas básicas, inda que semellantes entre si:

A) Aquela en que as ditas locucións funcionan como complemento dun verbo, supostos estes que en galego cubrimos de moi diversos xeitos; entre eles, e simplemente como referencia, os que se amosan no seguinte exemplo (verémolos con máis afondamento cando abordemos no seu día as secuencias galegas que se veñen a corresponder coa castelá verbo + mucho):

Ex.: En estos cinco años ha cambiado un rato largo.

Nestes cinco anos mudou un anaco (grande) un cacho (grande) moito ben un mundo sete mundos un milagre unha fartura unha chea de raio de moito nabo [MÁIS COLOQUIAL OU VULGAR] de carallo.

B) Aquela en que funcionan modificando un adxectivo, dentro da cal podemos diferenciar, pola súa vez, os casos en que este modificador se antepón ó adxectivo e mais os casos en que (moitas veces a xeito de aposición) vai posposto. Tanto para un coma para outro grupo de casos reflectimos nos seguintes exemplos algunhas posibles opcións en galego para dar conta do mesmo significado que achegan as locucións castelás:

B.1) Modificador anteposto ó núcleo adxectivo (posiblemente os de menor uso real):

Ex.: El examen fue un rato difícil.

O exame foi moi difícil ben difícil un mundo de difícil o demo de difícil un milagre de difícil unha chea de difícil sete mundos de difícil [MÁIS COLOQUIAL OU VULGAR] a hostia de difícil.

[TAMÉN, CON MENOR PORCENTAXE DE USO E NORMALMENTE ENGADINDO UNHA MAIOR CARGA ENFÁTICA (e sen nos metermos neste caso a valorar se poden estar influenciadas ou non polo castelán)]:

O exame foi un anaco difícil un cacho difícil un pedazo difícil.

B.1) Modificador posposto ó núcleo adxectivo, a xeito de oposición ou non:

Ex.: Guapo no es, pero simpático, un rato largo.

Guapo non é, pero simpático, un anaco (grande) un cacho (grande) un pedazo (grande) un mundo sete mundos un milagre unha fartura unha chea.

Ex.: Tonto es un rato largo.

Parvo é un anaco (grande) un cacho (grande) un pedazo (grande) un mundo sete mundos un milagre unha fartura unha chea.

Téñase en conta que a locución un rato largo pode presentar tamén un significado máis literal, isto é, formado pola suma dos elementos que a compoñen:

Ex.: Tras la lesión, el delantero todavía no está para jugar un rato largo.

Tras a lesión, o dianteiro inda non está para xogar (durante) moito tempo un anaco grande un cacho grande un anaco longo.

Ex.: Para no contaminar tanto y ahorrar combustible, siempre apaga el coche cuando sabe que va a estar parado un rato largo.

Para non contaminar tanto e aforrar combustible, sempre apaga o coche cando sabe que vai estar parado (durante) moito tempo un anaco grande un cacho grande un anaco longo.

 


Temas: FRASEOLOXíA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta