Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/03/2021 | Actualizada ás 15:11
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, propuxo ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, alcanzar un acordo pola dixitalización e a intelixencia artificial que permita aproveitar as posibilidades que abren os fondos europeos de recuperación Next Generation.
En declaracións aos medios tras visitar xunto ao senador Xaquín Fernández Leiceaga e a deputada Noa Díaz o Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS) da USC en Santiago de Compostela, Gonzalo Caballero reivindicou o "enorme potencial" de Galicia para desenvolver novas tecnoloxías e advertiu de que o futuro será "dixital" ou "non será futuro".
Neste contexto, subliñou que os fondos europeos abren a posibilidade de optar a "grandes cantidades de recursos" para reactivar o país e para traballar cara a esa "Galicia dixital". "Nunha crise que está afectado de forma moi grave e profunda, Galicia ten os recursos e a capacidade para desenvolver unha estratexia dixital que nos faga estar na vangarda", asegurou Caballero, que pediu impulsar este campo para evitar quedar "sempre atrasados" e con "unha fenda dixital" que sitúa á Comunidade galega "á cola de Europa".
Para iso, incidiu na necesidade de aproveitar a oportunidade que se abre cos fondos europeos, un obxectivo para o que incidiu na necesidade de alcanzar un "gran acordo para unha Galicia dixital".
"A Galicia do futuro ou é unha Galicia dixital ou é unha Galicia que non existe", subliñou o socialista, que emprazou á Xunta a acordar unha estratexia galega de dixitalización que aproveite o diñeiro dos Next Generation para "modernizar" o país, para "traballar con máquinas intelixentes, en computacións de alto rendemento, en robots persoais, en procesos de intelixencia e maquinación que permitan ser máis competitivos e máis eficientes".
Todo iso antes de subliñar que a intelixencia artificial é un "mecanismo fundamental" para avanzar en capacidade produtiva e de referirse a a estratexia posta en marcha polo Goberno de Pedro Sánchez a nivel nacional e que contempla "un primeiro paquete con 600 millóns de euros".
"Se non nos movemos, se Galicia non aposta por unha liña de emprendemento que capte fondos europeos para a dixitalización e a intelixencia artificial, perderemos posibilidades para saír da crise con vías de futuro", sostivo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.