O Goberno central revela que a Xunta non se situou formalmente en contra da celebración do 8M

Só pediu facer cumprir as medidas anticovid, sen oporse por escrito ás protestas.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 04/03/2021 | Actualizada ás 19:36

Comparte esta noticia

A Xunta de Galicia, como autoridade competente delegada en materia sanitaria no estado de alarma, só pediu por escrito á Delegación do Goberno en Galicia, ante manifestacións ou concentracións --incluídas as do 8 de marzo--, que se fagan respectar as medidas de prevención para a contención do covid-19, pero non se situou en contra da súa celebración, segundo revelou a propia administración estatal.

Manifestación feminista en Verín o 1 de marzo, precedente deste 8 de marzo de 2020
Manifestación feminista en Verín o 1 de marzo, precedente deste 8 de marzo de 2020 | Fonte: Galegas 8M.

Fontes da Delegación do Goberno que dirixe Javier Losada explicaron que, desde que Galicia é autoridade competente delegada no estado de alarma, celebráronse varios centos de concentracións ou manifestacións e que para todas elas recibiuse unha resposta "tipo" a modo de informe sobre a celebración de actos na vía pública.

Preguntado sobre a celebración destas manifestacións e se son partidarios de que non teñan lugar, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, afirmou este mércores que a Xunta se limitaba a "asesorar" á Delegación do Goberno á que atribuíu a potestade de "autorizar" as manifestacións, aínda que estas non teñen que ser validadas senón que en base á Constitución só poderían ser prohibidas ou modificadas se non cumprisen a orde vixente.

Ademais, na súa resposta este mércores, engadiu como reflexión que "en xeral, non momento para reunirse moitas persoas polo risco que ten calquera concentración".

Pola súa banda, este xoves, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, eludiu aclarar se o Executivo autonómico solicitara expresamente a suspensión da celebración de manifestacións e concentracións polo Día Internacional da Muller o 8 de marzo e dirixiuse ao Goberno de Pedro Sánchez para pedir un criterio común a todo o Estado, despois de que en Madrid quedasen prohibidas.

DELEGACIÓN DO GOBERNO DI QUE NON HAI PETICIÓN

Fontes da Delegación do Goberno en Galicia indicaron que en Galicia non hai unha petición de prohibición das manifestacións e que as contestacións recibidas pola Xunta unicamente van dirixidas a que se fagan cumprir as medidas de prevención: distancia, uso da máscara e hixiene. "A Xunta non contesta, limítase a responder que as mobilizacións teñen que cumprir as normas", apuntan estas fontes.

Nesa resposta estándar, as xefaturas territoriais informan de que as medidas sanitarias son a "garantía" de cumprimento da distancia de seguridade en todo momento e que non se formen "aglomeracións", xunto co uso da máscara. Neste sentido, a Xunta pide á Delegación do Goberno que se fagan cumprir as restricións vixentes.

A Delegación do Goberno recibiu, a data do mércores, un total de 85 comunicacións de manifestación e concentracións.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta