Houbo humanos en Galicia hai máis de 400.000 anos? Unha investigación abre esa posibilidade

Galicia, norte de Portugal, cornixa cantábrica e norte de Cataluña foron “as zonas máis favorables” para o asentamento dos primeiros homininos na península ibérica, segundo un novo estudo que relaciona as condicións climáticas e ambientais no Plistoceno coa distribución potencial dos primeiros humanos en Europa. O xamento de Porto Maior (As Neves) é o máis antigo en Galicia con restos humanos, cunha antigüidade entre 300.000 e 200.000 anos.

Por Alberto Quian | Madrid | 14/03/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

As zonas máis favorables para o asentamento de homininos na península ibérica hai máis de 400.000 anos parecen ser a costa atlántica de Galicia e do norte de Portugal, a cornixa cantábrica e a área ao redor dos Pireneos, principalmente o norte de Cataluña. Esta é unha das principais conclusións dunha nova investigación sobre a distribución potencial dos primeiros humanos en Europa durante o Plistoceno inferior e medio relacionada coas condicións climáticas e ambientais.

Escavacións no xacemento de Porto Maior, nas Neves.
Escavacións no xacemento de Porto Maior, nas Neves.

"Malia ter algúns dos xacementos de homininos máis antigos do oeste de Europa", a península ibérica, segundo este novo traballo, era "maiormente unha zona inhóspita" antes do comezo do período interglaciar coñecido como MIS 11, hai uns 420.000 anos.

Os científicos empregaron técnicas estatísticas e xeográficas para analizar as reconstrucións paleoclimáticas e paleoambientais a partir de fósiles de anfibios e réptiles, xeradas cun gran conxunto de datos da península ibérica, para investigar se a temperatura, as precipitacións e/ou a cobertura forestal puideron afectar a ocupación dos homininos na península.

Os resultados, din, “indican a existencia de limitacións climáticas no asentamento humano relacionadas coas precipitacións e a humidade ambiental”.

Os investigadores subliñan que “o Plistoceno inferior e a primeira metade do Plistoceno medio estiveron dominados pola ocupación [de homininos] de áreas boscosas relativamente húmidas, mentres que durante a segunda parte do Plistoceno medio se observa claramente unha ampliación do nicho ecolóxico anterior cara á ocupación de áreas áridas máis abertas”.

En base ao nicho ocupacional estimado, os científicos propoñen unha distribución potencial máxima para os primeiros homininos en Europa antes e despois de 426.000 anos.

Os autores do estudo salientan que os restos atopados puxeron de relevo que o período interglaciar MIS 11 (hai uns 420.000 anos) “foi un limiar desde a perspectiva da evolución dos homininos en Europa”.

Este período chegou despois da glaciación MIS 12, ocorrida hai uns 434.000 anos e “considerada unha das principais crises climáticas experimentadas polos homininos”.

Coa chegada do período interglaciar, o MIS 11, que durou uns 50.000 anos e foi semellante ao actual, “os rexistros arqueolóxicos mostran un número crecente de ocupacións, evidencias de novos comportamentos de subsistencia e importantes innovacións técnicas”, recordan. Isto é, o cambio no clima favoreceu a expansión daqueles moradores, cunha “distribución potencial moito maior e máis densa” que no período anterior.

Os resultados do estudo indican que “algunhas partes da península ibérica poden non ter sido adecuadas para a ocupación temperá dos homininos” hai máis de 426.000 anos. Os investigadores apoian a fiabilidade do seu estudo na comparación co patrón de ocupación dos homininos observado no norte e centro de Europa, “onde as primeiras evidencias reflicten só poboacións pioneiras que simplemente amplían a súa ocupación en resposta á expansión dos seus hábitats preferidos, en comparación cunha ocupación máis sostida hai uns 400.000 anos”.

Concretamente, “o centro e sur da península ibérica semella que non foron tan favorables para os homininos durante os períodos interglaciares do Plistoceno inferior e primeiro Plistoceno medio”. E engaden: “As zonas máis favorables para o asentamento de homininos na península ibérica parecen localizarse nas zonas occidentais e do norte (Galicia, País Vasco e Cataluña do Norte)”, onde as condicións climáticas eran máis adecuadas.

As análises paleoclimáticas e paleoambientais levan aos científicos a considerar que “a distribución potencial de homininos máis de 426.000 anos atrás puido ser bastante grande” en Europa.

Para a península ibérica, esa distribución potencial abarcaría “unha grande área da costa de Galicia e norte de Portugal, a cornixa cantábrica e a área ao redor dos Pireneos, emerxendo o norte de Cataluña como a área potencialmente máis favorable” para o asentamento humano.

Os resultados deste estudo son publicados na revista científica Journal of Human Evolution por investigadores do Institut Català de Paleoecologia Humana i Evolució Social (IPHES-CERCA), o Grup d'Investigació en Paleontologia de Vertebrats Cenozoics (PVC-GIUV) da Universitat de València, o Département de l’Homme et Environnement (CNRS-UMR) do Muséum National d’Histoire Naturelle de Francia e o Departamento de Prehistoria y Arqueología da Universidad de Granada.

Os autores desta investigación consideran que as súas proxeccións xeográficas da distribución potencial dos homininos antes e despois de 426.000 anos atrás “poderían levar a achados de novos xacementos do Plistoceno na península ibérica e Europa”.

A GALICIA PREHISTÓRICA POR DESCUBRIR

Con estas consideracións, ábrese unha porta á hipótese de que en Galicia puidesen aparecer restos anteriores aos do xacemento humano máis antigo descuberto até agora no país, o de Porto Maior, no concello das Neves, datado na metade do Plistoceno medio, cunha antigüidade máxima de 300.000 anos e mínima de 200.000. Este xacemento contén, ademais, a maior concentración de grandes utensilios do Achelense descuberta en Europa.

A hipótese non semella desatinada. Se avanzamos até hai uns 10.000 anos antes do presente, ao Paleolítico, en Cova Eirós temos un claro exemplo de que Galicia pode ser unha caixa de sorpresas arqueolóxicas que poden mudar o relato da prehistoria.

Este mesmo ano, un grupo de científicos liderados polo arqueólogo Marcos García Díez explicou neste xornal os revolucionarios achados artísticos neste xacemento galego, que amplían nuns 2.500 anos a duración da arte figurativa do Paleolítico Superior e converten Eirós na cova máis occidental con gravados e pinturas deste período prehistórico, rachando o límite franco-cantábrico fóra do cal se pensaba que non podían existir outros xacementos.

O profesor da Universidad Complutense dixo estar “convencido” de que ten que haber máis xacementos en Galicia como Cova Eirós: “Estou absolutamente convencido. Estamos a ver que cando aparecen grupos de arqueólogos que se poñen a mirar, a buscar especificamente algo, poderán aparecer máis ou menos xacementos, pero algo sempre aparece […]. Estou seguro de que ten que haber máis dunha cova. Atopalas dependerá de que alguén o faga casualmente ou de que haxa grupos que se poñan a buscalas, e aparecerán, seguro, estou convencido diso, moitas ou poucas, non o sabemos, pero sairán. Cova Eirós non pode ser un fenómeno casual e único en Galicia. Sabemos que os grupos humanos se movían. Outra cousa é que se atopen, que se destruísen por procesos naturais ou accións humanas, ou que se degradasen tanto que sexa moi difícil recoñecelas”, explicou o experto.

Seguindo esta lóxica, e cos indicios climáticos e ambientais achegados no novo estudo sobre o Plistoceno, por que non pensar que houbo vida humana en Galicia antes que no xacemento de Porto Maior, hai máis de 300.000 anos atrás, mesmo hai máis de 400.000 anos? 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta