Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 15/03/2021 | Actualizada ás 13:18
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, presumiu este luns da "rebaixa histórica" das peaxes da AP-9 que está a negociar en Goberno central coa concesionaria Audasa e que, remarcou, "leva o selo do PSOE".
En rolda de prensa, Caballero puxo en valor que nos próximos meses o Executivo central cumprirá o seu "compromiso" para rebaixar as peaxes da AP-9 co horizonte de facer gratuíto a viaxe de volta e incorporar algún desconto adicional para os usuarios que máis utilizan a autoestrada.
"O compromiso dos socialistas é un feito, é unha realidade", destacou Caballero, que incidiu en que esta decisión "Leva o selo do PSOE" a través dos orzamentos xerais do Estado polo que lamenta que tanto o PP como o BNG quedasen "á marxe" deste importante avance para Galicia. Ao seu xuízo, populares e nacionalistas "erraron" ao votar contra as contas estatais que contemplaban a partida para facer efectiva a rebaixa e que demostraba que "os socialistas cando damos unha palabra, cumprimola".
Neste sentido, Caballero cargou ademais contra as manifestacións convocadas polo BNG para reclamar a inmediatez nas rebaixas xa que, ao seu xuízo, "resulta anecdótico, por non dicir case ridículo", que o BNG salga á rúa para esixir o cumprimento dun compromiso que xa verá a luz "nunhas semanas".
"PROPOSTA SÓLIDA" DA XUNTA
A conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, reivindicou a proposta "sólida e rigorosa" que trasladou a Xunta ao Executivo central para avanzar nas bonificacións da autoestrada AP-9 e contrapúxoa á "política de escaparate" e "pancartas" do BNG.
Díxoo en declaracións aos xornalistas despois de que o secretario de Estado de Infraestruturas, Sergio Vázquez, considerase "razoable" que a rebaixa das peaxes da AP-9 na que traballa o Goberno central se consiga "na primeira metade do ano" e tras avanzar que se contempla que a viaxe de volta sexa gratuíto e a aplicación de "un desconto adicional" para os usuarios recorrentes.
Este luns, Ethel Vázquez sinalou que o Goberno galego pediu que o Ministerio de Transportes "atendese a súa solicitude de aplicar bonificacións aos usuarios recorrentes --do 100% na viaxe de volta-- e tamén a transportistas".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.