As primeiras axudas para paliar os danos ocasionados polo oso pardo contarán con 60.000 euros

As solicitudes presentaranse preferiblemente por sede electrónica e o prazo xeral esténdese ata o 30 de setembro.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/03/2021 | Actualizada ás 12:16

Comparte esta noticia

A Consellería de Medio Ambiente publica este mércores no Diario Oficial de Galicia a Orde pola que se convocan as primeiras axudas específicas para compensar os danos que provoca o oso pardo nas comunidades rurais, á que se destina un orzamento de 60.000 euros.

O Plan de recuperación do oso pardo en Galicia inclúe entre os seus obxectivos de conservación o de optimizar a política de compensación socioeconómica nas comunidades rurais dos sectores oseros e, máis concretamente, establecer un sistema áxil de pago de indemnizacións por danos.

O fin destas axudas é minorar a conflitividade social naquelas zonas nas que se detectou a presenza do oso e fixar un mecanismo de axudas para paliar os danos ocasionados por esta especie, que complemente ao mecanismo de axudas á prevención dos mesmos.

Oso pardo. ANTONIOGUILLEM - Arquivo
Oso pardo. ANTONIOGUILLEM - Arquivo

BENEFICIARIOS

Os beneficiarios desta liña de axudas son as persoas titulares de explotacións gandeiras que figuren incluídas no Rexistro Xeral de Explotacións Agrarias de Galicia (Reaga), así como de colmeas que se poidan ver afectadas, e que trasladasen o dano a través do teléfono 012.

No caso de danos ás colmeas, estas deberán cumprir cos requisitos establecidos en materia de rexistros, identificación e programas de control e vixilancia de enfermidades obrigatorios, de acordo coa normativa de aplicación.

No resto de casos, deberase cumprir cos requisitos sanitarios establecidos nos programas de control, vixilancia e erradicación de enfermidades que poden afectar as especies gandeiras, así como estar identificado, de acordo coa normativa de aplicación.

CONTÍA

As contías varían función das especies afectadas e, no caso das explotacións apícolas, dos elementos de colmeas e o grao de afectación. Tamén serán subvencionables os danos ocasionados aos rolos de herba como consecuencia da acción do oso e os gastos veterinarios ou da realización da eutanasia, e os gastos derivados dunha res afectada que sobreviva e que sufra un aborto, de ser o caso.

A orde establece que as solicitudes se presentarán por sede electrónica preferiblemente e o prazo xeral esténdese ata o 30 de setembro. En calquera caso, os danos que fosen comunicados entre o 1 de xaneiro e a data de publicación desta orde deberán presentar a solicitude de axuda no prazo dun mes. Para os danos que se produzan desde a entrada en vigor da orde, será dun mes a contar desde o día seguinte á comunicación do dano.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta