Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/03/2021 | Actualizada ás 13:12
O Foro Económico de Galicia avisa de que as exportacións galegas "botan o freo" no comezo do ano, xa que rexistran unha diminución en xaneiro do 18% en comparación co mesmo mes de 2020.
José Manuel Santos e Isabel Novo, expertos do Foro, chaman a atención sobre que é o primeiro mes no que se frean as exportacións de Galicia desde o colapso de marzo e abril de 2020 polo confinamento.
Así se recolle no Barómetro Exportador de Galicia, que cada mes publica o Foro Económico. Por primeira vez desde maio de 2020, Galicia presenta cifras mensuais máis negativas que as do conxunto de España, que descende nun 11,4%.
Igualmente, todos os sectores presentan taxas de variación interanuais negativas, algo que non se producía desde o mes de maio. A automoción, que lidera as vendas ao exterior nos últimos meses, presentan tamén un descenso interanual do 8,3%.
Pola súa banda, a industria téxtil sofre unha caída interanual moi pronunciada (-38,1%) tras meses de lixeira melloría. O sector agroalimentario, por segunda vez desde o inicio da pandemia, conta con taxas de variación interanuais negativas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.