Podemos denuncia á Xunta no Congreso por non designar zonas vulnerables a nitratos

Destaca que, segundo un informe da UE, son Galicia e Cataluña as comunidades con máis contaminación nas augas derivada dos residuos gandeiros.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/03/2021 | Actualizada ás 19:21

Comparte esta noticia

Unidas Podemos rexistrou unha iniciativa no Congreso na que denuncia que a Xunta leva desde o ano 2000 "incumprindo de forma reiterada as súas obrigacións" ao non designar, como pide a Unión Europea, zonas vulnerables aos nitratos de orixe agraria.

"Estes incumprimentos", asegura o deputado da formación Antón Gómez Reino, "levaron á Comisión Europea a abrir unha investigación no ano 2015 na que concluíu que Galicia non cumpría con estas demandas".

Segundo Gómez Reino, a Comisión Europea avisa de que Galicia ten 41 puntos eutróficos ou hipertróficos sen designar como zonas vulnerables. Ademais, apunta que un informe elaborado polo Ministerio para a Transición Ecolóxica sobre contaminación da auga por nitratos entre os anos 2016 e 2019 revela que os datos de contaminación de masas de auga en Galicia son moi significativos.

O parlamentario sinala que no documento indícase que son Galicia e Cataluña as comunidades con máis contaminación nas augas derivada dos residuos gandeiros. "Estamos a falar dun problema de saúde pública onde se está contaminando ás alancadas as augas que consome a nosa poboación, con aldeas e pobos que non poden beber auga da billa", sostén.

"A administración de Feijóo levou aos nosos gandeiros a un modelo de gandaría intensiva e macrogranxas contaminantes, que son un perigo non só para a saúde dos nosos veciños e veciñas senón tamén para o futuro das nosas economías locais", argumenta.

Por iso, explica que a iniciativa busca coñecer se o Goberno prevé levar a cabo algunha acción para promover o cumprimento das obrigacións que ten a Xunta en relación á designación de zonas vulnerables e o desenvolvemento de plans de actuación conforme á normativa europea.

"Mentres Cataluña foi actualizando e adecuando os seus programas desde o ano 2000, a Xunta de Feijóo segue sen declarar ningunha zona vulnerable a pesar de rexistrar os maiores excedentes netos de nitróxeno por hectárea derivados da actividade gandeira no conxunto do Estado", subliña.

O deputado de Unidas Podemos, Antón Gómez Reino, intervén nunha rolda de prensa anterior a unha Xunta de Portavoces no Congreso dos Deputados, en Madrid (España), a 9 de marzo de 2021.. EUROPA PRESS/M.FERNÁNDEZ. POOL - Europa Press / Europa Press
O deputado de Unidas Podemos, Antón Gómez Reino, intervén nunha rolda de prensa anterior a unha Xunta de Portavoces no Congreso dos Deputados, en Madrid (España), a 9 de marzo de 2021.. EUROPA PRESS/M.FERNÁNDEZ. POOL - Europa Press / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta