Descenso ao fondo do negacionismo: “si te crees el virus eres globalista”

Os negacionistas da Covid-19 teñen medios de comunicación propios, redes sociais e mesmo un partido político filofascista fundado por un ex de Vox de túrbido pasado. Analizamos como transmiten as súas mensaxes cun experto en comunicación: “está nacendo unha industria moi próxima a estes grupos”.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/03/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Moitos cruzaran ilegalmente a fronteira, así que era de agardar que as catro gotas que caeron esa tarde lles importaran máis ben pouco. Foi o 20 de febreiro deste 2021. Domingo. Uns centos de persoas chegadas dende distintos punto do Estado marcharon por Santiago de Compostela cunhas consignas que a vella cidade non escoitara aínda, malia ser escenario obrigado de calquera manifestación que se prece --Santiago é cidade para protestar--. “Os nenos non se tocan”, berraron, en Praza Galicia; “os nenos non están en venda”, soaba por Orfas. Ao final, --e ao igual que sempre-- a consigna final golpeou no Obradoiro; como se os mobilizados pretenderan implorar o dereito divino da Catedral para interceder na lex humana: “non á Lei Auschwitz”.

A manifestación contra a reforma da Lei de Saúde da Xunta, celebrada o 20 de febreiro, supuxo o primeiro gran acto público do negacionismo en Galicia. Entre os convocados había un bo número de persoas con máscaras, e varios foron denunciados por teren entrado á Comunidade --por aquel entón baixo peche perimetral-- sen a autorización preceptiva
A manifestación contra a reforma da Lei de Saúde da Xunta, celebrada o 20 de febreiro, supuxo o primeiro gran acto público do negacionismo en Galicia. Entre os convocados había un bo número de persoas con máscaras, e varios foron denunciados por teren entrado á Comunidade --por aquel entón baixo peche perimetral-- sen a autorización preceptiva | Fonte: Europa Press.

A do 20 de febreiro de Santiago é, ata o momento, a manifestación negacionista máis grande albergada pola comunidade galega. Houbo outra, un par de días máis tarde, ante o Parlamento, pero o ton foi máis baixo porque boa parte dos concentrados no día do Señor viñeran de terras distantes, e os mércores hai que traballar. 

O nome que máis soou en ambas marchas foi o do Presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo. Os convocados cargaron contra o dirixente popular pola reforma da Lei de Saúde de Galicia, nestes días en batalla legal co goberno central por un posible caso de inconstitucionalidade. A chamada ‘Lei Auschwitz’ contempla sancións de ata 60.000€ para os que se neguen a ser vacinados, un paso que vén de causar impacto internacional e que levou a BNG e PSdeG a votar en contra da reforma polo seu carácter “punitivo”.

REDES, MEDIOS E ATA UN PARTIDO

Saia ou non adiante a lei aprobada pola maioría do PP, a reforma sanitaria de Feijóo quedará co mérito de ter dado corpo ao movemento negacionista en Galicia, que ata entón parecía máis ben un refacho de nebulosa rebeldía como tantos outros outros da web.

O nacemento dos negatas, con todo, si hai que buscalo nas redes sociais. É alí onde este sector pequeno pero moi polarizado da sociedade se informa, relaciona e tenta recrutar novos seguidores. Todo acontece nunha esfera dominada polo anonimato pero moi organizada, ao seu modo, e que mesmo conta con medios afíns e un partido político propio no que se intercala o delirio colectivo con chamadas á unidade de España en retórica filofascista. 

“NO CREO EN EL VIRUS”

Os negacionistas teñen presenza en Facebook, pero os de Twitter están mellor organizados e son máis fáciles de atopar. É a maxia do algoritmo: dás con un individuo de certo talante e o sistema non tarda en presentarche outros dous ou tres practicamente miméticos. O mesmo sistema seguen eles á hora de se relacionar: xa que segues a esta persoa, quizais che interesen estas outras. Con esta tecnoloxía, instalarse na comunidade é cuestión de horas.

Eles mesmos botan unha man ao algoritmo ao se presentar como negacionistas. Non o fan,

evidentemente, con estas palabras; pero dano a entender empregando certos termos que os delatan ante a máquina: covidianos, por exemplo, é o groso da poboación que ‘cre’ no virus, coronatimo non require explicación e plandemia é todo un clásico. Por se quedaran dúbidas, complementan este curioso léxico con biografías como as que seguen:

- Esto es una guerra del Bien contra el mal. Yo elegí la Luz, elige tu bando.

- No creo en el virus

- El futuro es ácrata y humanista. Si te crees el covid eres globalista.

COVIDIANOS, PLANDEMIA, BOZAL

E a que se dedican os negacionistas en redes? Parte deles non vai máis alá de comentarios persoais, diatribas nas que cargan contra as ovellas crédulas coa versión oficial da plandemia. Escribe un: “los covidianos piensan que han sobrevivido a este año de plandemia por la duchas en gel hidroalcohólico y el bozal perpetuo. Que todos los que no seguimos esas medidas sigamos vivos, les quita la razón. En una pandemia letal de verdad, los 'negacionistas' estaríamos todos muertos”.

Estas elucubracións comparten campo cos negatas máis implicados, que presentan datos de terceiros --supostamente contrastados-- para apuntalar as súas teorías. Aquí non verán El País, El Mundo ou calquera outro medio tradicional: dominan, sobre todo, vídeos e capturas de pantalla illados, sen contexto. A foto dunha suposta doutora --cando menos leva bata-- alertando contra os trombos da AstraZeneca. O vídeo dun porto deportivo cargado de xente camiñando sen máscara. O tuiteiro dinos que é Croacia neste mes de marzo, pero non dá datos para comprobalo. Os paseantes levan pantalóns curtos e camisas de verán.

AS NON-NOTICIAS

Xosé López García é Catedrático de Xornalismo da USC e un dos investigadores máis reputados no panorama estatal das Ciencias da Comunicación. Dirixe o grupo de investigación Novos Medios, que leva dende 1994 analizando as potencialidades e perigos das redes sociais, unha problemática cada vez máis coñecida pero á que non acabamos dar solución. “Temos un punto débil en educomunicación”, explica, “é dicir, que dende as escolas coñezamos que son os medios, como funcionan, como saber se me podo fiar...”.

Moitos dos problemas que López e os seus colegas advertían anos atrás nas redes sociais estanse a manifestar de xeito claro no fenómeno negacionista. Un bo exemplo son as fake news --ou falsos-- que corren como a pólvora nestes círculos sen que ninguén lles poña freo. “As redes sociais teñen unha tendencia ao incremento de circulación de formatos de mensaxes con aparencia de noticias pero con contidos falsos”, explica López, “ou que podemos agrupar baixo o paraugas da desinformación”.

“EL MEDIO MÁS CENSURADO DE INTERNET”

Por iso nas redes negacionistas apenas aparecen medios de comunicación ao uso. Na nosa travesía polo deserto covidiano atopamos só dúas cabeceiras que poderíamos catalogar como ‘serias’, en aparencia: OKDiario e algo chamado EuskalNews. O nome deste último é máis ben unha tapadeira, xa que do País Vasco apenas fala. É máis ben un portal dedicado ás fake news ‘antiplandémicas’ que presume de ser “el medio más censurado de internet”. O 19 de marzo lanzaba unha sorte de advertencia á clase política:

EuskalNews encaixa á perfección no que o profesor Xosé López chama “contramedios”, portais que “aplican todas as técnicas dos medios de comunicación” pero para “contribuír a crear ruído”, no canto de dar unha información contrastada. Detrás destas iniciativas están, claro, os cartos; e en concreto os ingresos que se poden tirar de construír unha páxina cun bo nivel de audiencia e vender parte do espazo a anunciantes. Por iso “está aparecendo unha industria moi próxima aos negacionistas que emprega de base esa fonte para logo sustentar outros bulos”, en palabras de López.

Pero non é só cousa de EuskalNews e portais semellantes. Os rebeldes negacionistas expulsan os medios tradicionais do seu círculo para, en certos casos, tomar eles mesmos o papel dos xornais. No mundo negata unha persoa pode ser un medio de comunicación. É o caso de Fernando López-Mirones, unha sorte de gurú do movemento que comparte diariamente novas de dubidosa veracidade baixo o hashtag #MIRONEWS. 

PARTIDO POLÍTICO ‘ULTRA’

Este bombardeo pseudoinformativo, unido ás propias dinámicas de Twitter, permite aos negacionistas encerrarse nunha esfera de pensamento único, unha “burbulla con retroalimentación en círculos”, en palabras de López. Por suposto, aí hai un negocio que non so viron os de Euskalnews. O movemento negata conta, dende hai uns meses, co seu propio partido político, que tanto carga contra as máscaras como profire consignas neofranquistas sobre a inmigración e os “valores antigos”: Identitarios.

A formación en cuestión --que, ao parecer, concorrerá ás eleccións madrileñas-- é unha mestura difusa de nacionalismo étnico español e rexeitamento á versión oficial da pandemia. Conta, por suposto, cun líder, que foi fundador e exerce de presidente: José Ignacio Vega. O Doutor Vega --como se fai chamar-- lanzouse a fundar Identitarios tras deixar Vox, pouco despois de que LaMarea.com sacara á luz o seu pasado filofascista. Parece ser que, nos 90, o fundador de Identitarios era parte de Acción Radical, unha organización neonazi afincada en Valencia. O Doutor Vega --que entón era coñecido como ‘El Toro’-- pasou un ano no cárcere por patearlle a cabeza a un profesor universitario ás portas dun pub. A día de hoxe o docente sofre unha discapacidade recoñecida do 20%.

CAMIÑANDO POLO BARRIO DE SALAMANCA

Tampouco é casualidade que o líder de Identitarios marchara de Vox. No mundo negacionista planea un descontento co partido de Abascal, case unha decepción. Acúsano de venderse ao xadrez da política, de ter perdido o pulo radical dos primeiros días; de, en fin, non ter asaltado os ceos, como tamén prometeu Podemos. A plataforma de Vega remexe nas cinsas deste vello ídolo procurando un escaniño que o tempo dirá se chega ou non. 

Evidentemente, non todos os negacionistas son nacionalistas --moitos nin sequera se posicionan politicamente--, pero a relación entre ambos mundos salta á vista. Outra das plataformas que moven as masas do mundo negata é Paseamos Juntos por España, unha entidade que se di herdeira do Movemento Barrio de Salamanca; esas caceroladas que encheron as rúas bien de Madrid nunha protestas contra a restricións do Goberno. Aquí a pandemia é só unha parte da cruz: tamén se enfrontan ao comunismo bolivariano, a ‘febleza’ do PP ante a man dura de Vox ou o “amigo gay de Pablo Iglesias que colabora con el régimen Iraní”. O chío fixado na cabeceira déixao todo bastante claro --as maiúsculas son súas--: ¡Imprescindible! El vídeo que destapa TODOS los planes maléficos del SATÁNICO NUEVO ORDEN MUNDIAL y como pretenden destruir el mundo. Divúlgalo para despertar conciencias y que entre todos DESTRUYAMOS a esta MAFIA BASURA GLOBALISTA.

QUINTA DIMENSIÓN, ETC.

Como xa adiantaron os amigos de EuskalNews, Twitter anda detrás de moitas destas contas co afán de fiscalizar se o que din é ou non verdade. A plataforma actúa, en certa medida, ante o baleiro da regulación estatal; que polo momento non dispón dun mecanismo de control das fake news. A cuestión é problemática. As novas falsas, por lado, son un problema crecente, como recoñece o catedrático Xosé López. Doutra banda, a Historia non pasa por alto os perigos de que os Estados decidan o que é e non é noticia. López lanza unha alternativa de equilibrio para evitar caer nun Ministerio da Verdade: potenciar a “educomunicación” pero sen descartar a conveniencia dun mecanismo de control. Iso si, “sempre e cando haxa partipación da sociedade civil e non se convertan en sistemas de censura”.

A nosa travesía polas redes negacionistas chega á súa fin conforme Twitter esgota o seu complexo sistema de relacións. Pero unha cousa máis. Antes de baixar a persiana, a sabedoría infinda do algoritmo déixanos caer nun novo grupúsculo ideolóxico, neste caso de contas neoyoguis que preconizan os beneficios da telepatía e os “traballadores da luz”. “Nuestra familia álmica vuelve a reencontrarse en este tránsito hacia la 5D [quinta dimensión]. Si quieres saber más mándame un mensaje por privado”. Pois iso. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

1 nostrus

Los calificativos que se pueden adjudicar a los negacionistas del covid tambien valen para los afirmacionistas de la nación gallega, porque al fin y al cavo son de la misma calaña y si unos son filofascistas, tambien lo son los otros, porque para ser fasscista solo hace falta ser intolerante y totalitario, independientemente de la ideología que se profese.

1 Escolas

A unha persoa que escribe ese caVo con v, só se lle pode dicir: avante toda! Vostede si que saVe...