CCOO concentra traballadores de Ence fronte á Deputación de Pontevedra para defender o mantemento da fábrica

"A posición do colectivo de traballadores afectados é clara: Ence en Lourizán ata o 2073", din.

Por Europa Press / Redacción | Pontevedra | 26/03/2021 | Actualizada ás 16:07

Comparte esta noticia

A sección sindical de Comisións Obreiras na empresa Ence reuniu este venres a un grupo de traballadores da pasteira, das súas empresas auxiliares e do sector forestal, que se concentraron ante a sede da Deputación de Pontevedra para mostrar a súa preocupación polo futuro da fábrica de Lourizán.

Planta de Ence en Pontevedra
Planta de Ence en Pontevedra | Fonte: Europa Press.

Sobre un cento de persoas secundou esta mobilización que coincidiu coa celebración do pleno na administración provincial e tamén da xunta de accionistas da compañía de celulosas.

A concentración desenvolveuse sen incidentes baixo a vixilancia dun amplo despregamento de axentes da Policía Nacional. A presidenta do comité de empresa das Oficinas Centrais de Ence, Ana Cedeira, sinalou que acudían "para defender os 5.000 postos de traballo que están en xogo".

Ana Cedeira repetiu que o persoal seguirá presionando para evitar o peche a pesar de que confían na palabra da ministra de Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, que lles asegurou que o artigo 18 da futura Lei do Cambio Climático non afectará o futuro da planta. "Nós imos confiar nela", dixo a sindicalista.

A ministra comprometeuse a impulsar unha mesa de diálogo para abordar un posible traslado da fábrica na que estarán representadas todas as partes afectadas. Por parte dos ministerios de Traballo, Industria e Transición Ecolóxica, ata a Xunta, o Concello, a empresa e os traballadores. O comité de empresa asegurou que non ten noticia desta convocatoria.

"Desde a semana pasada non houberon avances na mesa de traballo. Unha vez que estableza os contactos darannos unha data para empezar a falar. Entendo que despois de Semana Santa saberemos algo e fixarannos data", recoñeceu Ana Cedeira.

Pola súa banda, o secretario de organización comarcal de Comisións Obreiras, José Luís García Pedrosa, insistiu en que "a posición do colectivo de traballadores afectados é clara: Ence en Lourizán ata o 2073".

García Pedrosa cargou contra o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, que avogou por un espazo de diálogo operativo e apuntou que el limitaría a súa composición ás partes que teñen competencias e capacidade de decisión sobre o futuro da fábrica: Estado, Xunta e a propia empresa.

"Que Lores pretenda que da mesa de diálogo estean excluídos os traballadores é unha mostra mais do seu desprezo cara aos traballadores, e por tanto, cara á maior parte da cidadanía de Pontevedra, que está conformada maioritariamente pola clase obreira", sentenciou este sindicalista.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta