Bipolarización na prensa galega na cobertura da crise de Pescanova

GC analiza as portadas dos principais xornais tradicionais de Galicia durante os primeiros días do terremoto na multinacional pesqueira galega, que supuxo a maior creba empresarial na historia de Galicia e a terceira en España. Faro de Vigo e Atántico Diario foron os que máis atención prestaron ao colapso de Pescanova; pola contra, La Voz tratouno como un tema menor, ao igual que Diario de Pontevedra, La Región ou El Progreso.

Por Alberto Quian | Madrid | 17/09/2013 | Actualizada ás 13:00

Comparte esta noticia

O 1 de marzo de 2013, un día despois de informar de que non presentaría as súas contas anuais de 2012 a tempo e pedir a suspensión da súa cotización en Bolsa, Pescanova entrou en preconcurso de acredores e a CNMV ordenou a suspensión cautelar de cotización das accións da compañía viguesa. Comezaba o que foi cualificado por Financial Times como "a maior creba dunha empresa non constructora na historia de España", cuxa débeda real descubriuse que é superior a 3.600 millóns de euros.

Barcos de Pescanova
Barcos de Pescanova | Fonte: Miguel Núñez

Esta descomunal cifra coloca á compañía galega no terceiro posto do ranking global de crebas en España e no primeiro posto en Galicia. Só os colapsos dos xigantes inmobiliarios Martinsa Fadesa —cunha débeda de 7.000 millóns de euros— e Reyal Urbis —cun buraco de 4.345 millóns de euros— superan o terremoto financeiro de Pescanova.

Con todo, naqueles primeiros días de sismos en Pescanova, houbo disparidade de criterios entre os principais xornais tradicionais galegos para informar, ou non, nas súas portadas deste histórico colapso empresarial, cuxas consecuencias apenas foron apreciadas e sondadas pola maioría dos diarios do país.

Para realizar unha primeira aproximación para a análise das portadas dos xornais galegos durante o inicio do terremoto financeiro en Pescanova, utilizamos PageOneX, un software libre de código aberto baixo unha licenza GNU, accesible en Internet, desenvolvido polo arquitecto español Pablo Rey, que serve para visualizar datos de portadas de xornais en papel de todo o mundo.

Metodoloxía

Para a análise se seleccionarion todas as cabeceiras galegas en papel dispostas en PageOneX, agás De Luns a Venres, por ser este un semanario, pois o que interesaba era observar a evolución diaria do colapso de Pescanova nos medios.

Analizáronse os primeiros doce días, codificando as portadas desde o inicio do terremoto financeiro de Pescanova até o anuncio de que a CNMV estaba investigando a compañía galega por presunto "abuso de mercado". Sendo prensa en papel, o inicio da análise márcase o 1 de marzo de 2013, un día despois de que Pescanova anunciase que non presentaría as súas contas a tempo e que solicitaba a suspensión da cotización das súas accións, noticia que, a diferenza dos medios en liña, os xornais impresos tiveron que publicar o día seguinte.

Para a codificación e visualización das noticias sobre Pescanova nas portadas da prensa galega decidiuse codificar por cores as informacións e áreas que ocuparon en primeira en catro categorías: Nivel 1 (verde), Nivel 2 (azul), Nivel 3 (laranxa) e Sen Información (vermello). Esta categorización responde á área que ocuparon, situación en portada e tamaño de letra utilizado para as noticias sobre Pescanova, sendo o nivel 1 o de maior importancia e o nivel 3 o de menor relevancia; en vermello márcanse as portadas que non informaron sobre a crise de Pescanova. Poderíase optar por non codificar as portadas sen información sobre a compañía viguesa, pero para este caso considereouse relevante a "non información" en portada como categoría para analizar a importancia que deron os medios ao maior colapso empresarial na historia de Galicia.

En total, codificáronse 95 dun total de 96 portadas, entre o 1 e o 12 de marzo de 2013. Isto débese a que a portada do 6 de marzo de Atlántico Diario non estaba dispoñible a través de kiosko.net, de onde se serve PageOneX.

Visualización

A continuación móstrase a visualización de superficies codificadas nas portadas dos xornais galegos, distribuídos por filas:

  • Fila 1: Atlántico Diario - Vigo.
  • Fila 2: Diario de Pontevedra.
  • Fila 3: El Correo Gallego - Santiago de Compostela.
  • Fila 4: El Progreso - Lugo.
  • Fila 5: Faro de Vigo.
  • Fila 6: La Región - Ourense.
  • Fila 7: La Voz de Galicia - A Coruña.
  • Fila 8: La Opinión de A Coruña.

grafica GC
Clic na imaxe para ver máis grande.

Porcentaxe de superficie de área en portada

A continuación móstrase un gráfico coa porcentaxe de superficie ocupada nas portadas dos oito xornais analizados coas catro categorías elixidas para esta análise: Nivel 1, Nivel 2, Nivel 3 e Sen información.

grafica GC

Análise e interpretación dos resultados

Observamos discrepancia de criterios entre os xornais tradicionais galegos á hora de informar nas súas portadas sobre a crise de Pescanova. Das 95 portadas codificadas, 51 delas, é dicir, o 53,68%, non incluíron información algunha sobre a crise da multinacional galega.

Dezaseis delas, é dicir, o 16,84%, incluíron informacións de primeiro nivel (noticias principais en portada). Só cinco, é dicir, o 5,26%, incorporaron a crise de Pescanova como noticia relevante, aínda que sen ser principal. E en 23 portadas, é dicir, o 24,21%, publicáronse informacións sobre Pescanova como noticias de terceiro nivel en portada.

En total, se agrupamos portadas con noticias principais e destacadas (niveis 1 e 2), publicáronse só 21 primeiras con informacións sobre a crise da compañía galega, é dicir, só foi destacada no 22,10% das portadas. Pola contra, 74 das portadas analizadas, é dicir, o 77,89%, mostran un desinterese ou reducida atención á maior crise empresarial na historia de Galicia.

Entre os xornais de Galicia só houbo plena coincidencia en tres datas: o 2 de marzo, cando todos os diarios incluíron como noticia de nivel 1 (principal) o preconcurso de acredores de Pescanova; o 11 de marzo, única data na que ningún diario incluíu noticias sobre Pescanova en portada; e o 12 de marzo, cando saltou a noticia de que a CNMV estaba investigando a Pescanova por "abuso de mercado".

Faro de Vigo foi o primeiro destes xornais en informar sobre a crise da empresa. O 1 de marzo, un día despois de que a compañía pesqueira anunciase que non presentaría as contas de 2012 a tempo e que ía pedir a suspensión da cotización das súas accións, Faro informou sobre isto na súa portada, aínda que non foi noticia principal, senón destacada, de nivel 2.

Tamén La Opinión de A Coruña informou ese día sobre a situación de Pescanova, pero neste caso, por influencia da dirección de Faro, xa que ambos os dous xornais pertencen ao mesmo grupo, Prensa Ibérica, e comparten noticias xeradas en ambas redaccións. Con todo, a información sobre Pescanova situouse no nivel 3, na columna da esquerda en portada.

Faro de Vigo foi ademais o diario que máis atención prestou ao colapso da compañía durante os primeiros días, incluíndo noticias en primeira todos os días analizados, agás o 11 de marzo, única data na que houbo plena coindicidencia entre todos os xornais, que non incluíron ningunha noticia sobre Pescanova en portada.

O tamén vigués Atlántico Diario foi o segundo xornal que máis portadas publicou con informacións sobre Pescanova.

O xornal que menos información ofreceu en primeira foi o Diario de Pontevedra, que só incluíu a crise de Pescanova en dúas portadas: a primeira, o 2 de marzo, cando todas as demais cabeceras tamén abriron as súas edicións coa presentación do concurso de acredores; e a segunda, o 12 de marzo, cando relegou a investigación aberta a Pescanova pola CNMV a un nivel 3, na columna da dereita.

Os outros xornais que menos informacións sobre Pescanova incluíron nas súas portadas foron El Progreso de Lugo e La Región de Ourense, que deron informacións en primeira catro dos doce días analizados. Os diarios coruñeses La Opinión e La Voz de Galicia incluíron noticias en portada cinco dos doce días analizados. Sorprende en ambos os dous casos a escasa importancia que deron ao colapso de Pescanova nas súas portadas.

No caso de La Opinión, sorprende porque é aliado de Faro de Vigo e, con todo, as súas portadas con informacións sobre esta crise empresarial foron menos da metade que as do seu socio do sur. Ademais, das cinco portadas con informacións sobre Pescanova, en catro delas as noticias foron acurrunchadas ao terceiro nivel .

E no caso da Voz, pasma porque se trata do diario galego de maior tirada, distribución e difusión. Estraña que La Voz, o único xornal que poderiamos denominar global en Galicia, apenas deu importancia á que se foi descubrindo como a maior creba empresarial na historia de Galicia e un dos tres maiores colapsos en España. La Voz só abriu coa crise de Pescanova o 2 de marzo, informando sobre o preconcurso de acredores; as outras catro portadas con noticias codificadas incluíron pequenas pílulas de terceiro nivel.

El Correo Gallego, pola súa banda, incluíu noticias sobre Pescanova en seis das portadas publicadas nos doce días incluídos neste estudo. Hai que destacar que foi o diario que en máis ocasións deu máxima prioridade en portada a esta crise, con cinco noticias de nivel 1, abrindo o xornal. Pero tamén hai que subliñar que foi o único xornal que terxiversou , maquillou ou manipulou en titulares a realidade de Pescanova polas súas alianzas publicitarias co xigante pesqueiro (El Correo é un xornal coñecido por confundir publicidade con informanción xornalística). Así, puidemos ler titulares de nivel 1 como: "Un atasco puntual de liquidez empuja al preconcurso de acreedores a Pescanova, pese a la sólida solvencia de sus cuentas", "Confianza de proveedores y clientes en el futuro de Pescanova" ou "Montaña rusa con el precio de Pescanova en la Bolsa por culpa de los especuladores", este último o mesmo día que todos os demais diarios destacaban que a CNMV investigaba a compañía por suposto abuso de mercado.

Para concluír, o caso Pescanova pode ter evidenciado dúas cousas substanciais:

Por unha banda, as rivalidades localistas radicais que aínda parecen imperar nos principais xornais tradicionais de Galicia. Aínda que Pescanova é unha das maiores compañías galegas e é símbolo dun dos sectores estratéxicos da economía galega —a pesca—, e malia que foi protagonista da maior creba empresarial na historia de Galicia, obsérvase unha bipolarización na cobertura desta crise, cos xornais vigueses por unha banda e o resto por outra (fóra diso, El Correo Galego mantense no medio entre uns e outros). Esta hipótese parece evidenciarse especialmente nos casos do Diario de Pontevedra, La Opinión de A Coruña e La Voz de Galicia, que poderían ter extrapolado ao ámbito da información históricas rivalidades deportivas e polítcas entre Vigo e Pontevedra e A Coruña que intoxican á sociedade galega.

No caso do diario pontevedrés, chama enormemente a atención que só dedicase unha portada á crise de Pescanova. Tamén sorprende o escaso peso que tivo esta crise en La Opinión, xornal que, aínda que de ámbito local, deu sempre especial relevancia a súa sección 'Galicia' con noticias de impacto autonómico de produción propia (recordemos que La Opinión e Faro son os dous apéndices do grupo Prensa Ibérica en Galicia e ambas as dúas redaccións intercambian noticias de produción propia).

Pero especial pasmo causa o desinterese co que tratou La Voz de Galicia as informacións sobre a crise de Pescanova nas súas primeiras semanas. A dirección do diario global de Galicia, cuxa sé está na Coruña, considerou que o colapso de Pescanova non era un tema primordial para os seus lectores nin para os intereses de Galicia, e agás o día 2 de marzo, cando o preconcurso de acredores era xa unha realidade, o diario de maior difusión de Galicia deu un tratamento de noticia menor en portada, ou simplemente obviou, o que se descubriu como un dos tres maiores terremotos empresariais na historia de España. Das doce portadas analizadas de La Voz, só en cinco delas se publicaron titulares sobre Pescanova e, agás a do día 2 de marzo, publicada como noticia de apertura, en todas se tratou como tema menor de nivel 3 en primeira.

Tamén chama a atención que xornais de arraigo provincial pero tamén con vocación autonómica como El Progreso, en Lugo, e La Región, en Ourense, non outorgasen máis espazo e protagonismo a unha crise empresarial con serias consecuencias para a economía galega.

Pensaron nas redaccións destes xornais que a crise de Pescanova era un problema exclusivo de Vigo e da súa área metropolitana? Consideraron que non era un tema relevante de interese xeral para Galicia?

Doutra banda, podemos supoñer que puideran ser as alianzas publicitarias con Pescanova —anunciante cun manifesto poder que mesmo tomou represalias contra unha xornalista— as que empurraron ás direccións dalgúns xornais a tentar minimizar ou calar, na medida das posibilidades que lles permitiu a rabiosa actualidade, os abusos en Pescanova e o impacto que a crise da compañía ten e terá na economía galega.

Pero isto son só hipóteses. Sexa como for, o que demostra esta análise é que a maior crise empresarial na historia de Galicia comezou sendo para a maioría dos xornais tradicionais de Galicia un pequeno contratempo de limitado interese e que estes non mediron, ou quixeron minimizar, a magnitude deste terremoto económico de transcendencia mundial.

Accede á codificación, análise e visualización interactivos orixinais en PageOneX.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta