Alertan de que o aeroporto de Santiago pode baixar "de categoría" se "non se cobren as baixas"

O BNG destacou "as carencias que ten o aeroporto, moi marcado neste último ano polas decisións que se tomaron a raíz da pandemia da covid-19".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/03/2021 | Actualizada ás 18:51

Comparte esta noticia

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, e a portavoz municipal da formación en Santiago, Goretti Sanmartín, visitaron este luns o aeroporto Rosalía de Castro para escoitar as reclamacións dos traballadores e alertaron do risco de que o aeródromo "baixe de categoría" se "non se cobren as baixas" de persoal relacionado co ámbito da seguridade.

Así, a raíz do encontro, a organización nacionalista anunciou novas iniciativas a nivel municipal e no Congreso ante "as políticas de redución de persoal que se están levando a cabo e os problemas de seguridade".

Durante a visita, a delegación sindical da CIG Aena e CIG Enaire trasladou ao BNG "as carencias que ten o aeroporto, moi marcado neste último ano polas decisións que se tomaron a raíz da pandemia da covid-19" e que "se seguen mantendo no tempo, nalgúns casos inxustificadamente".

En particular, Néstor Rego destacou tres cuestións importantes. A primeira delas, a necesidade de construír unha nova depuradora, asunto do que "a propia Administración é consciente". "Insistiremos para que se poidan pór os medios canto antes para poder construír esa nova depuradora no aeroporto", dixo Rego.

En segundo lugar, fixo referencia ás instalacións da vella terminal, que están sen utilizar e "deteriorándose". "Coincidimos cos compañeiros da CIG en que estas instalacións poden ter moitos usos que redunden en beneficio non só de Santiago de Compostela senón da xeración de emprego e sel desenvolvemento social e económico" de Galicia, dixo Rego, que enumerou posibilidades como hangares, zonas de reparación de aeronaves ou espazo para formación aeronáutica.

En terceiro lugar, Rego lembrou que a formación nacionalista xa rexistrou unha iniciativa no Congreso con motivo da seguridade do Rosalía de Castro "e a resposta non foi satisfactoria". "Parte da base de que a dirección deste aeroporto non quere cubrir as baixas ou as ausencias de persoal e implica que o aeroporto baixe a súa categoría de 7 a 5. No caso de emerxencia, provoca que grandes aeronaves non poidan aterrar en Santiago e se teñan que desprazar a Vigo ou A Coruña", recrimina Néstor Rego, que apunta que en horario nocturno, o desprazamento é ata Porto.

Cola de facturación no Aeroporto de Santiago. Lavacolla. Turismo. Pasaxeiros en aeroportos.. EUROPA PRESS - Arquivo
Cola de facturación no Aeroporto de Santiago. Lavacolla. Turismo. Pasaxeiros en aeroportos.. EUROPA PRESS - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta