Unha candidatura cívica, galega e europea

As vindeiras eleccións ao Parlamento Europeo celébranse nun momento onde seguramente nunca tanto se falara de Europa. Evidentemente isto é debido a crise económica que se está a vivir en boa parte do continente e á moi discutida e discutible resposta ofrecida polos gobernantes europeos. Lamentablemente o anterior non garante unha participación elevada a estes comicios, en boa medida pola distancia que os cidadáns de a pé perciben respecto a unha cámara de representación que aínda por riba naceu e sigue “capada” no seu poder legal e efectivo. A pesares de todo, son unhas eleccións importantes porque é o momento de manifestar a opinión cidadán respecto non só á actuación dos líderes e das institucións europeas perante a crise, senón sobre a calidade das propias institucións comunitarias.

Por Manuel González L. | Compostela | 24/09/2013

Comparte esta noticia
O partido do que formo parte, Compromiso por Galicia, ten tamén un compromiso fundacional co proxecto Europeo. Avogamos por máis Europa, entendida esta como un reforzamento da gobernanza política e económica por parte das institucións europeas, para o cal é condición necesaria apuntalar a representatividade cidadán e a democracia en Europa. Por iso, entre outras cousas, apuntamos xa á necesidade de escoller ao presidente da Comisión Europea por sufraxio universal directo. Esta visión positiva, non exenta de críticas como debullaremos máis adiante, nace do convencemento de que o proxecto europeo é innovador polo que implica de superación do vello Estado Nación e faino, en contraste co anterior, poñendo en valor a diversidade e o respecto ás culturas e aos pobos de Europa. Sobre isto ten abundado Camilo Nogueira no seu libro “Europa, o continente pensado”, a quen nunca os galegos lle estaremos o suficientemente agradecidos pola súa labor intelectual e política a este respecto. Pero Europa é tamén algo máis, é un espazo de estabilidade e de liberdade, cuestión que se aprecia en particular nos Estados do sur que contan con experiencias ditatoriais próximas no tempo. Iso, a pesares da que está caendo.
 
Porque efectivamente, o proxecto europeo ten moitas feblezas e existen múltiples razóns para criticalo. Carencias democráticas, posto que o Parlamento e a Comisión Europea non toman as decisións importantes, senón que o fan os gobernantes dos Estados máis fortes da Unión Europea. Carencias na gobernanza económica, polo deseño incompleto da unión económica e monetaria, que só avanzou, tarde mal e arrastro para atender as tremendas consecuencias da crise económica. Avances escasos en calquera caso, case sempre obstaculizados pola resistencia dos Estados a ceder soberanía ás instancias Europeas. Finalmente, non só hai limitacións no deseño institucional da UE e da UEM senón que as receitas escollidas para saír da crise, sustentadas na austeridade, retrasaron na opinión de destacados economistas a saída da crise da UE.
 
Aquí en Galicia, existe unha opinión social maioritaria de que formar parte da actual Unión Europea é positivo, quizais reforzada pola experiencia de ducias de milleiros de emigrantes galegos a outros Estados europeos. Evidentemente, no imaxinario colectivo galego aparecen tamén en lugar destacado os agravios comparativos recibidos polo noso agro ou a nosa pesca, destacados sobre todo polo nacionalismo político e derivados da imposibilidade de defender directamente os noso intereses en Bruxelas, pero que se compensan por outros moitos aspectos quizais non tan mediáticos pero no fondo recoñecidos. Só por ofrecer un dato, se en 1988 as exportacións á UE-25 representaban un 6,8% do PIB galego, en 2012 alcanzaba o 19,4% do noso PIB e a balanza comercial coa UE amosaba un claro superávit, de máis de 4 mil millóns de euros. Por suposto a apreciación anterior non ten porque convencer a todo o mundo, pero aqueles non convencidos deberían preguntarse por exemplo por que os contrarios ao dereito a decidir en Catalunya utilizan a saída da UE e do euro como arma principal para tratar de evitar esta iniciativa social e política.
 
Diante das vindeiras eleccións europeas, Galicia necesita estar en Europa e non só para defender os nosos lexítimos intereses senón tamén para construír unha Europa mellor. Compromiso por Galicia aposta por unha candidatura cívica, composta por persoas de acreditada reputación na nosa sociedade, e apoiada por todas as forzas políticas que consideren que Galicia debe ter unha representación propia no Parlamento Europeo. Unha candidatura netamente galega, mais sen exclusións e aberta ao apoio de todas aquelas forzas políticas progresistas que actúan en Galicia. A participación e apoio desta candidatura é especialmente importante para as forzas políticas co centro de decisión no país xa que, diante da catarse que está a vivir o nacionalismo galego, pensamos que é o momento de realizar unha aposta diferente e innovadora o que sen dúbida sería vista con bos ollos por unha parte importante da cidadanía galega que agarda do nacionalismo galego algo máis que o resistencialismo antieuropeo ou a creba da segunda restauración borbónica.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Manuel González López Nado en Outes (1975). Doutorouse en Economía Aplicada na USC logo de ampliar estudos na Universidade de Manchester e na Copenhagen Business School. Na actualidade é profesor no Departamento de Economía Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela.