Bar Javi... y ¡Arriba España!

De camiño a Cáceres, baixando pola mítica Vía da Prata, o Visca Tasca fai parada nun destes sitios que xa non quedan e contra os que non pode Lei da Memoria Histórica ningunha.

Por Xurxo Ayán e Xosé Gago | Cáceres | 24/09/2013 | Actualizada ás 17:00

Comparte esta noticia

DA SECCIÓN VISCA E TASCA

Un gran retrato de Franco e outro máis pequeno de Primo de Rivera presiden o Bar Javi
Un gran retrato de Franco e outro máis pequeno de Primo de Rivera presiden o Bar Javi | Fonte: XA

Cando entramos, este home ofrece como carta de presentación a camisa coa aguia imperial, o mapa de Colombia nos fuciños e un berro patriótico: “Yo soy de España, de Santiago Bernabéu y de aquel, a aquel lo quiero con locura”. Aquel é a imaxe canónica do retrato oficial do Generalísimo trala súa victoria na guerra civil. Comparte lugar de honra con José Antonio Primo de Rivera. Tras esta breve introdución comeza a facer chistes incomprensibles con dúas senllas caidadas que ten penduradas na parede detrás do mostrador. Javi podía ser un dos dous españois que se enfrontan a “garrotazos” naquel famoso cadro tremendista de Goya. Entre os paus, un cartel anuncia: “Café. Español: 1 euro. Rojo: 5 euros. Mi suegro: 10 euros”.

Un rapaz que seica leva un negocio de xamóns consume cervexa a un ritmo de Ferrari. “Javi, un tubito”. E Javi emprega a o fidel cliente como soporte para a súa prédica de manual: que se o 11 M foi cousa de Rubalcaba, que se Gibraltar, que se os comunistas están contra a cúpula policial de loita contra ETA, que Zapatero case nos obriga a pedir comida aos USA, que se Messi é maricón… O que máis lle fode é a cadea humana dos cataláns. O fulano de “Javi un tubito” entra en escena e comenta: “Leí no sé dónde el otro día que cuando en España se inventó la democracia, no sé, hace 30 años o así, los catalanes fueron los que más votaron la Constitución, y ahora los independentistas catalanes no quieren la democracia”. O Bar Javi é todo un templo para a alta política.

“Javi, otro tubito”.

Na cortiza do oprobio, Javi amosa o seu particular panel de vudú con recortes milimétricos de prensa, coas facianas de Rubalcaba, Zapatero, Gaspar Llamazares, Gallardón, Garzón, Chávez… Nun terceiro nivel está Rajoy nunha montaxe fotográfico, vestido de monxa. Non é santo da devoción de Javi, o amigo dos galegos.

Gol de Isco. Javi sae da cociña onde esta perpetrando uns bocatas de xamón con pan de mentira. Boureando coma un can sarnoso, remoe a queixada, apaña o pau e fica pampo diante da televisión, posuído polo espírito de Primo de Rivera, alomenos. Unha muller impasible sae da cociña, silandeira e coa cabeza gacha. Todo semella indicar que é a sufridora da súa muller.

O bar Javi comeza a perfilarse coma un grande escenario para un filme de Tarantino. Ante o aceno de ir fumar, Javi indícanos que está proíbido fumar fóra, porque hai gasolineira. Que no seu bar fúmase dentro, ostia, que estamos en España, iso si, ao final da barra porque o ar corre nese sentido. No seu tempo libre Javi fai proselitismo e agasalla ao cliente (0.50 céntimos) cun chisqueiro patriótico, decorado coa bandeira de España e co lema “Yo también soy nacionalista”.

No descanso do partido, o telediario faise eco do cruce masivo do valado das colonias españolas en Marrocos. Javi saca o mellor de si: “Pero tú ves, estos mandriles, un puto negro de mierda de estos que cruza y sale levantando el puño, que no, hijoputa, negro fuera de mi país”, cuspe mentres agarima un pau, coma un mono feixista.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Pillafachas 2000

Non tes que ira tan loxe. N-525, en Piñor un bar con rojiguarra retroiluminada, dentro rojiguarras franquistas e cadros del Paquísimo.