O PPdeG loa a sanidade galega trala "década de investimento do goberno de Feijóo"

Asegura que a oposición galega "non estivo á altura" durante a crise sanitaria e acúsaa de actuar de modo "desleal" co Executivo autonómico.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/04/2021 | Actualizada ás 13:38

Comparte esta noticia

O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, achacou a "intereses partidistas" a decisión do Goberno de interpor un recurso de inconstitucionalidade contra a reforma da lei galega de saúde e reivindicou a xestión da pandemia realizada pola Xunta e a calidade do sistema sanitario da comunidade, que vinculou con que a terceira onda finalizase na comunidade coa "menor taxa de mortalidade da península".

Preguntado tras unha rolda de prensa celebrada este venres en Santiago, Tellado defendeu a reforma da lei de saúde, que "dota Galicia dun marco xurídico que garante a resposta ante unha pandemia" e "dá garantías" ao Goberno galego para adoptar decisións para a súa contención. Nesta liña, lembrou que distintas comunidades reclamaron unha lexislación adecuada á situación que non se puxo en marcha, polo que "o Goberno galego fixo o que non fixo o Goberno de España", ao que afirmou que "lle custa recoñecer o seu fracaso" e "o acerto" do Executivo que preside Núñez Feijóo.

Neste sentido, reprobou que o Goberno que preside Pedro Sánchez decidise presentar un recurso de inconstitucionalidade contra a reforma da lei galega de saúde sen convocar a comisión bilateral, o que achacou a que a súa posición se debe a "intereses partidistas". Deste xeito, censurou que o Executivo central "non só se desentende" da súa "responsabilidade", "senón que pon paus nas rodas aos que fan o que teñen que facer". Ademais, denunciou que o Goberno presidido por Pedro Sánchez "superou os límites de indecencia facendo candidato (á Presidencia do Govern) o ministro de Sanidade en plena pandemia".

CRISE SANITARIA EN GALICIA

Por outra banda, o secretario xeral do PPdeG reivindicou que a crise sanitaria puxo de manifesto que Galicia "conta cun dos mellores sistemas de saúde de España". Precisamente, relacionou esta valoración coa excelencia dos profesionais, "a década de investimento na sanidade pública galega que puxo en marcha o goberno de Feijóo" e a planificación deste último, que "leva máis dun ano centrado na crise sanitaria".

A este respecto, afirmou que os datos avalan esta valoración, xa que resaltou que, tras a finalización da terceira onda, a comunidade foi a que presentou "a menor taxa de mortalidade da península", 85 falecementos por cada 100.000 habitantes. En todo caso, recalcou a necesidade de "non ser triunfalistas" ante os máis de 2.400 falecidos con coronavirus rexistrados en Galicia.

Mentres, lamentou que a oposición "non estivo á altura das circunstancias" e actuou de modo "desleal" coa Xunta ao "aproveitar cada ocasión" para "atacar" as medidas que implementaba de acordo co comité clínico. De feito, sinalou que o BNG "unhas veces pedía máis peches" e outras cuestionaba "a dureza" das restricións e demandaba "unha maior apertura", críticas que, "moitas veces", se realizaban "con diferenza de horas". Por iso, concluíu que "o único coherente era o interese partidista" da formación.

Así mesmo, Miguel Tellado denunciou que o PSdeG actuou como "palmeiro" do Executivo central e estivo "centrado na defensa do indefendible" ao apoiar un goberno "en claro abandono de funcións" e que "desde a primeira onda abandonou a xestión da crise". Así, afirmou que o secretario xeral dos socialistas galegos, Gonzalo Caballero, exerceu como "o embaixador máis devoto de Sánchez" para manter a súa posición.

O secretario xeral do PP de Galicia, Miguel Tellado
O secretario xeral do PP de Galicia, Miguel Tellado | Fonte: PPdeG.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta