A oposición volverá pedir na Cámara o traspaso de competencias a Galicia tras "12 anos sen unha nova"

O PPdeG defende que "o núcleo fundamental do autogoberno está desenvolvido" pero ve posibilidade "de ampliar algunhas competencias"

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/04/2021 | Actualizada ás 14:04

Comparte esta noticia

Os grupos da oposición en Galicia, BNG e PSdeG, volverán pedir no Parlamento galego o traspaso de competencias á Comunidade autónoma tras "12 anos" de Goberno de Alberto Núñez Feijóo nos que non se produciu "nin un novo" traspaso.

En concreto, no próximo pleno do Parlamento --que terá lugar os días 27 e 28 de abril--, os nacionalistas galegos defenderán unha proposición de lei a través da que reclamarán instar o Congreso a transferir as competencias de tráfico e seguridade viaria.

"Hai apenas dúas semanas conmemorábase o 40 aniversario do Estatuto de Autonomía, vimos e escoitamos por parte da Xunta e do PP como se daban moitos golpes de peito falando de autogoberno, pero o certo e a verdade é que nos últimos 12 anos este país non recibiu nin unha soa competencia nova, nin sequera as que aparecen recollidas no Estatuto de 1981", manifestou a viceportavoz parlamentaria do BNG, Olalla Rodil, na rolda de prensa posterior á Xunta de Portavoces.

O PSDEG PIDE 30 TRASPASOS

Pola súa banda, tal e como detallou o vicesecretario xeral do PSdeG, Pablo Arangüena, os socialistas galegos presentarán unha proposición non de lei para reclamar ao Executivo estatal a transferencia de 30 competencias para Galicia "na liña de avanzar no autogoberno desde a lealdade institucional" e "de que Galicia non quede atrasada no proceso de avance federal e de autogoberno con respecto a outros territorios do Estado".

"Fronte ao delirio separatista --en referencia ao BNG-- e fronte á inacción e inmobilismo do PP que en 12 anos de goberno non reclamou nin unha soa nova competencia para Galicia, apostamos pola vía da reforma e do avance", dixo.

Feijóo aposta por frear as transferencias ás comunidades, pero non que se devolvan competencias ao Estado. XUNTA
Feijóo aposta por frear as transferencias ás comunidades, pero non que se devolvan competencias ao Estado. XUNTA

POSTURA DOS POPULARES

Pola súa banda, preguntado polas demandas da oposición, o portavoz do Grupo Parlamentario Popular, Pedro Puy, asegurou que "todas as iniciativas con respecto ao autogoberno" deben de ser "analizadas e valoradas".

"O Estado autonómico está basicamente desenvolvido nas comunidades autónomas, que teñen un número de competencias tanto por cantidade como por calidade que están á cabeza do mundo a nivel de descentralización política", afirmou para lembrar que Galicia xestiona políticas transcendentes como a educación, a sanidade e as políticas sociais.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta