(Vídeo) Un documental para contar a cara B da historia recente de Galicia en clave musical

"Semente de Berrar" busca fondos para retratar o panorama das subculturas galegas nos últimos 40 anos.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/04/2021 | Actualizada ás 22:15

Comparte esta noticia

A pandemia paralizou parte da cultura galega ata o punto de poñer en serias dificultades algúns dos seus sectores, pero tamén hai quen aproveita a treboada para saír ao mar. Tal sería o caso dos profesionais detrás do documental Semente de Berrar, un proxecto que pretende reflectir "en notas máis ou menos afinadas" parte da contracultura galega ao longo dos últimos corenta anos.

Ángel Ruiz (esquerda) durante un concerto de Los Suaves
Ángel Ruiz (esquerda) durante un concerto de Los Suaves | Fonte: Ángel Ruiz. Libro 'Los Suaves'

O obxectivo de Semente de Berrar, que se constitúe como un proxecto autoxestionado, pasa por recoller as experiencias de 40 persoas para retratar eses corenta anos "de subculturas urbanas e tamén rurais. Corenta anos de Galiza rebelde e festiva. Corenta anos de drogas na rúa e deportes. Corenta anos musicando realidade e a ficción. Corenta anos de precariedade laboral e loita obreira".

Para retratar tan diverso panorama, os produtores da peza escollen falar coas bandas, o público, "os donos de tendas de roupa ou música, editores de  fanzines ou xornais". En conxunto, unha selección do máis colorido para tentar botar luz nesas derradeiras e aceleradas décadas desa parte do panorama cultural galego que se atopa nos bares e non nos museos.

Polo momento, os produtores do documental contan xa cun teaser dispoñible en aberto e están a recadar fondos para tentar sacar adiante este proxecto a través dunha campaña de microfinanciamento en páxinas como goteo.org, onde xa recibiron 12.000€.  Todo para contactar con esa selección de 40 persoas "destes 40 anos de amor e odio".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta