Lores declara no xulgado que houbo intento de agresión no "asalto" á Alcaldía dos traballadores de Ence

O alcalde de Pontevedra declara en calidade de testemuña ante o xuíz que instrúe a investigación.

Por Europa Press / Redacción | Pontevedra | 23/04/2021 | Actualizada ás 16:41

Comparte esta noticia

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, declarou este venres no Xulgado de Instrución número 1 en calidade de testemuña ante o xuíz que instrúe a investigación polo "asalto" á Alcaldía por parte dun grupo de traballadores de Ence o pasado 10 de marzo. O rexedor afirmou que houbo intento de agresión no altercado.

Decenas de traballadores da fábrica de Ence maniféstanse contra o peche da fábrica en Lourizán, a 9 de marzo de 2021
Decenas de traballadores da fábrica de Ence maniféstanse contra o peche da fábrica en Lourizán, a 9 de marzo de 2021 | Fonte: Beatriz Ciscar - Europa Press.

Fernández Lores valorou que "actuacións violentas deste tipo non son de recibo" e sinalou con respecto á "Ence borroka" que "non é a primeira vez que estes señores invaden o Concello e o pleno" e entón, lamentou, "fóronse de rosiñas por decisión de non sei quen". "A min non me van desnucar porque fagan cousas deste tipo, pero é absolutamente desagradable", sinalou o alcalde da capital.

Fernández Lores non pedirá indemnización por danos ou prexuízos e nin sequera decidiu se se presentará na causa aberta a raíz do traslado por parte da Policía Local á Fiscalía dun informe sobre o escrache protagonizado por 13 persoas que irromperon na Alcaldía alterando o funcionamento da administración e increparon, insultaron e arremeteron contra o alcalde e outros concelleiros o grupo de goberno que lle acompañaban cando saía do Concello e, tras ser perseguidos ata o aparcadoiro, os manifestantes "golpearon no coche, pegaron patadas e botaron cuspe no capó".

Na súa declaración, Lores incidiu en que "houbo intentos de agresión" contra el que non chegaron a máis porque os axentes municipais formaron un cordón de seguridade para protexer a súa saída, "fixeron unha placaxe de rugbi ben feita", dixo.

"Eu tiña a información de que había posibilidade de que viñesen ao Concello e deuse orde de que non entrasen, outra cousa é que ao final entrasen, reforzouse un pouco o acceso, pero...", explicou o rexedor nacionalista.

Lores tamén indicou que "houbo un detalle que non estaba no parte". "E é que a Policía me dixo que, como dixeron que sabían onde vivo, ían levar dúas patrullas á miña casa. Ao final non foron, pero foi así", apostilou.

Finalmente, o alcalde de Pontevedra apuntou que "cada un defende os seus intereses". "E eu defendo os da cidadanía", afirmou e concluíu que "actuacións violentas deste tipo non son de recibo".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta