A Xunta insiste en que aumentan os galegofalantes, mentres que os informes apuntan o contrario

O BNG urxe cumprir a carta europea sobre linguas rexionais que aprecia perda de falantes. Un recente informe da RAG asegura que o 40% dos mozos castelanfalante remata a ESO cunha escasa competencia en galego.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/04/2021 | Actualizada ás 13:22

Comparte esta noticia

O BNG urxiu cumprir a Carta Europea das Linguas Rexionais e Minorizadas, mentres a Xunta subliñou que o número de galegofalantes "incrementouse" entre 2015 e 2019 e que o 96% dos residentes na comunidade poden expresarse nesta lingua.

Nunha pregunta formulada durante o pleno celebrado este xoves no Pazo do Hórreo, a deputada nacionalista Mercedes Queixas lembrou que en decembro de 2019 o Comité de Ministros do Consello de Europa advertiu de incumprimento do acordo asinado polo Goberno coa Carta Europea das Linguas Rexionais e Minorizadas.

Queixas lembrou que, nun informe, o Comité de Ministros alertou do descenso de galegofalantes, a quebra da transmisión intergeneracional do idioma e a súa falta de presenza no ensino. Así, resaltou que propuxo eliminar as limitacións á docencia en galego reguladas polo Decreto de plurilingüísimo.

Neste sentido, apuntou que o documento instou a informar as medidas adoptadas para cumprir a carta europea antes de agosto de 2023. Por iso, pediu aclarar se cumprirá as accións requiridas polo Consello de Europa ao Goberno galego, ao que acusou de "mofarse do pobo galego sobre a súa columna vertebral, o idioma, e "incumprir acordos dun tratado internacional". Ademais, culpou da situación ao Goberno central por "non contrastar os informes" sobre a situación da lingua propia da comunidade.

Así mesmo, reprobou que "o veto" da Xunta fose "a única resposta" conseguida ante as múltiples peticións dunha comparecencia sobre a proposta de bases para a normalización do ensino na comunidade.

Pola súa banda, o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, destacou o "consenso" alcanzado mediante o decreto de plurilingüismo e remarcou que, de acordo cun estudo do Goberno, o galego presenta os índices de competencia máis altos das linguas cooficiais en relación a outras comunidades.

Precisamente, explicou que un informe do Instituto Galego de Estatística (IGE) de 2019 constatou o "incremento" do número de galegofalantes por primeira vez en relación ao mesmo estudo de 2015, así como no volume de persoas que o utiliza no ámbito familiar. Tamén resaltou que o informe Pisa acredita que un 96% dos alumnos falan "ben ou bastante ben" o idioma e que os galegos "son máis tolerantes" que estudantes doutras comunidades con linguas cooficiais.

INFORME RAG

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, responde o pleno. XOÁN CRESPO
O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, responde o pleno. XOÁN CRESPO | Fonte: Europa Press

Este martes a Real Academia Galega publicaba un novo estudo sobre o emprego e coñecemento da lingua entre a mocidade que volve a poñer de relevo a situación de "desequilibrio" de galego en castelán nas aulas da Comunidade. A conclusión fundamental do estudo é que o 35% do alumnado castelanfalante remata a ESO cunha escasa competencia en galego, tanto a nivel escrito como oral. 

Segundo apuntan dende a Academia, o 44 % dos preto de 600 estudantes de 26 centros de secundaria participantes na mostra sinalaron que tiñan tanto o galego como o castelán por lingua inicial, o 36,1% indicou o castelán e, nunha proporción menor, o 18,1% sinalou o galego. En canto á lingua de uso maioritario, case o 70% respondeu que fala única ou preferentemente o castelán, mentres que só fai un uso similar do galego o 30%.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta