Proposta do BNG para crear unha unidade específica de muller e saúde con perspectiva de xénero en Sanidade

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, aludiu á "insuficiencia de matronas" que coloca a Galicia como "a comunidade con menor taxa de todo o Estado".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/04/2021 | Actualizada ás 16:04

Comparte esta noticia

O BNG reclamará crear unha "unidade de muller e saúde", dependente da Consellería de Sanidade, que permita impulsar a perspectiva de xénero en todos os ámbitos sanitarios. Ademais, pedirá unha estratexia para a atención integral á saúde das mulleres co fin de "facer visibles e dar pasos para eliminar as dificultades" destas "á hora de acceder ao sistema sanitario".

Así o anunciou a líder dos nacionalistas galegos, Ana Pontón, tras reunirse este venres na Cámara galega coa Asociación de mulleres afectadas por endometriose, Querendo; a Asociación galega de Fibromialxia; e a Asociación de pediatras e matronas, Xa.

Tras este encontro, Pontón sostivo que a pandemia agravou o acceso das mulleres á atención sanitaria, mesmo coa cancelación de actuacións básicas como as relacionadas co parto e o postparto. Tamén hai, dixo, unha "maior carga en saúde mental" derivada da covid e os coidados no ámbito sanitario no que a maioría son mulleres.

A líder dos nacionalistas galegos considerou que a crise agudiza as discriminacións por xénero no sistema sanitario e pon o foco na "necesidade de aplicar a perspectiva de xénero" no ámbito da saúde. Para iso, entre outras cuestións, considerou necesario que os profesionais conten con formación en xénero, cunha atención especial ás patoloxías que sofren as mulleres.

"INSUFICIENCIA DE MATRONAS"

Na súa intervención, Pontón aludiu á "insuficiencia de matronas" que coloca a Galicia como "a comunidade con menor taxa de todo o Estado español" e que "obriga a moitas mulleres a desprazarse para acceder a este servizo básico".

"En Lugo, unha matrona debe atender a 11.273 mulleres; en Ourense, a 14.500; e, en Vigo hai unha matrona por cada 11.300 mulleres", indicou para asegurar que esta situación se "agrava no rural" e que se profundará coa xubilación nos próximos anos do "70% das matronas de Atención Primaria sen que exista unha planificación para resolver a carencia" destas profesionais.

A nacionalista sinalou que tamén hai insuficiencia de persoal sanitario para atender ás mulleres afectadas por endometriosis, que deben esperar oito anos por un diagnóstico e sen tratamentos específicos por falta de investigación neste ámbito.

Ademais, dixo que a telemedicina atrasa aínda máis a atención. Así, puxo como exemplo o feito de que as mulleres afectadas de fibromialxia, que xa tiñan que esperar cinco anos por un diagnóstico, vexan dobremente dificultada as súas consultas coa atención non presencial. "Os diagnósticos tardíos agravan sempre as enfermidades", sentenciou Pontón.

A formación nacionalista urxiu "desconfinar" a Atención Primaria e cambiar o modelo de telemedicina que "produce máis discriminación na atención sanitaria". "Galicia debe ser un país con perspectiva de xénero e, para iso, necesitamos unha estratexia que atenda ás necesidades específicas das mulleres", concluíu.

Por último, no relativo á investigación, avogou por establecer indicadores de xénero nos protocolos e ensaios clínicos, así como liñas de investigación específicas das enfermidades con maior impacto nas mulleres.

Reunión do BNG con asociacións de mulleres afectadas por distintos tipos de enfermidades. BNG
Reunión do BNG con asociacións de mulleres afectadas por distintos tipos de enfermidades. BNG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Riolo

Chiringuito upegallo a la vista.