Os letrados do Congreso rexeitan que a Cámara investigue a Juan Carlos I

ERC, Junts, PDeCAT, Bildu, CUP e BNG pediran unha comisión de investigación.

Por Europa Press / Redacción | Madrid | 04/05/2021 | Actualizada ás 19:26

Comparte esta noticia

Os servizos xurídicos do Congreso volveron mostrarse en contra de que a Cámara investigue actividades do rei Juan Carlos e esta vez fixérono a conta dunha nova solicitude cursada polas formacións independentistas, sobre cuxa tramitación se pronunciará este mércores a Mesa do Congreso.

Juan Carlos de Borbón e Francisco Franco
Juan Carlos de Borbón e Francisco Franco | Fonte: EFE

Neste caso trátase dunha comisión de investigación pedida por ERC, Junts, PDeCAT, Bildu, CUP e BNG e céntrase nas "presuntas ilegalidades e irregularidades cometidas polo ex xefe do Estado e as influencias diplomáticas e comerciais con Arabia Saudita e Kazajistán".

Os letrados da Cámara, segundo o documento, defenden que non procede a súa admisión a trámite "tendo en conta a posición institucional da Xefatura do Estado no marco constitucional".

Como en ocasións anteriores, os servizos xurídicos citan como os artigos 56.3 e 65 da Constitución. O primeiro consagra a figura do rei como "inviolable" e non "suxeita a responsabilidade" e o segundo establece que o Xefe do Estado distribúe libremente a partida orzamentaria que recibe cada ano.

Para defender a non tramitación da comisión de investigación, os letrados ampáranse tamén na interpretación que sobre esta materia fixo a xurisprudencia do Tribunal Constitucional e nos precedentes existentes na Cámara.

Con estes mesmos argumentos, a Mesa do Congreso xa rexeitou unha decena de veces iniciativas similares á rexistrada polos independentistas que, previsiblemente correrá o mesmo camiño grazas á maioría que conforman PSOE, PP e Vox. Dos catro partidos que forman parte do órgano de goberno da Cámara, só Unidas Podemos apoia que se investigue o rei emérito.

A iniciativa dos independentistas toma como referencia un programa de TV3 no que un exalcalde da capital kazaka, actualmente refuxiado en Suíza, asegura que en 2002 o presidente Nazarbayev entregou diñeiro a Juan Carlos I.

As formacións independentistas sosteñen que este episodio, unido ás investigacións que leven a cabo en Suíza e na Fiscalía Anticorrupción sobre outros asuntos relativos ao pai de Felipe VI, require a apertura dunha comisión de investigación no Congreso.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta