Temas: IMAXE

"É máis difícil traballar na mina que ser actor"

O gran e humilde actor Monti Castiñeiras (Matalobos, Padre Casares, etc.) nunha sesión en exclusiva con Sue Rainbow para Galicia Confidencial. Divertido coma sempre, móstranos un pouco o seu mundo e como ve o dos outros.

Por Sue Rainbow | Santiago de Compostela | 16/11/2013 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

Monti chega puntual, coma sempre, feito un pincel e cunha chea de cousas 'por se as moscas' se nos ocurrían para facer a mellor foto posible. Sempre atento, sempre amable, sempre Monti, seductor por natureza e un pracer poder facerlle fotos

Monti Castiñeiras por www.suerainbow.com
Monti Castiñeiras por www.suerainbow.com

Sempre quixeches ser actor?

Non, eu de pequeno quería ser filólogo, ou máis ben estudar idiomas. Matriculeime en Filoloxía Inglesa, pero aguantei dous anos nada máis. Despois deixei Maxisterio polo traballo.

Como xurdiu o teu desexo pola actuación?

Estaba eu axudándolle a meus pais nun quiosco que tiñan e un dos clientes era Eduardo Puceiro, actor e director, que levaba un tempo en Santiago, despois de facer carreira en Madrid. Montou un grupo de teatro en entre Vilagarcía e Santiago. Nese momento ofreceume unha proba e unirme á compañía. Dixo que eu lle tiña pinta de actor. Aceptei, e así empezou todo. Nesa compañía, “Ítaca”, empezaron algúns dos mellores actores que pariu Galicia, como Carlos Blanco, Tacho González, Manuel Millán ou Uxía Crespo, entre outros.

Monti Castiñeiras por www.suerainbow.com
Monti Castiñeiras por www.suerainbow.com

A túa familia apoioute?

O certo é que non se metían moito. Non me lembro moi ben, pero seguro que me dixeron algunha vez que seguise estudando.

Fixeches amigos neste traballo?

A verdade é que si. Uns cantos e moi bos.

Cal é o teu inicio para crear un personaxe?

O primeiro, ver a descrición dese personaxe e recoller todos os datos posibles do director acerca del. Despois, deixar que flúa a intuición con todos os datos que teño.

Segundo ti, cales son as cousas básicas para facer unha boa interpretación?

Talento, humildade, xenerosidade cos compañeiros e, obviamente, unha boa memoria.

Cres que é difícil o teu traballo?

Difícil é, coma todo. Pero é máis difícil traballar nunha mina de carbón.

Cal sería o teu papel favorito para protagonizar?

Un malo malísimo nunha de gangsters, ou nun 'western' ou nunha peli de ficción científica, que é un xénero que me gusta moito.

Cales son os teus actores favoritos, algún deles impulsoute a seguir o teu sono?

Vou dicir algún americano, para que non se moleste ningún compañeiro, de tantos bos que temos. Gústame moito Brad Pitt, (que aprendeu ben de Robert Redford), ou Robert Downey Jr, noutro estilo completamente diferente. Ningún me impulsou. Xa estaba eu impulsado de antes...

Como definirías coas túas palabras un bo actor?

Talento, naturalidade, versatilidade e credibilidade.

Por último, para ser actor necesítase un talento... Cres que o tes?

Non sei se moito, un chisco debo de ter se levo tantos tempo nisto. Pero tamén aprendín moito cos anos, traballando. O que tiven foi sorte, sobre todo.

Entendo que a popularidade quitache privacidade, pero tamén che dá satisfaccións.

Ao meu, non creo que se lle poida chamar popularidade. Iso é para as grandes estrelas. Un modesto actor galego, coma min, ten algo de popularidade cando está un tempo na televisión. Non pasa de que che pidan algunha foto ou que te saúden na rúa. Cando che comentan algo bo dun traballo que agradou, si que é moi satisfactorio.

Nalgún momento subiúseche a fama á cabeza?

Non creo que chegara a ter fama nunca.

Consumes drogas?

Si, por suposto. Todos os actores nos drogamos, e bastante. Se non, sería imposible aguantar o ritmo das gravacións. Tamén me drogo antes de negociar un contrato millonario, para non poñerme nervioso. E despois un traballo insatisfactorio, para soportar a depresión. Esta última droga é a mesma que tomamos en época de escaseza.

Que non te atreverías a facer en actuación?

Actuar sen cobrar. Do resto, todo. Mesmo espirme nunha peli de Ignacio Vilar, (subindo o caché un anaquiño; pero non moito).

Arrepínteste de algo que fixeches na vida?

Si. De varias cousas, pero non as podo dicir aquí.

Cres que nun actor o físico e o éxito van da man?

Non. Pero un físico atractivo pódeche abrir unha porta. Porta que se pecha axiña cando descobren que non tes talento. Aínda que hai moitas excepcións, cada vez máis.

Veste actuando toda a vida?

Non. Véxome dentro de nada de camareiro. Espero que sexa nun galpón nalgunha praia do Caribe (téñolle moita alerxia ao frío).

Es dos que se preocupan polo físico ou por verse ben?

Si, moderadamente.

Es tímido?

Dende moi cativo. Non se cura cos anos; aínda que se suaviza un chisco.

Fotos por http://www.suerainbow.com/

Agradecementos https://www.facebook.com/hotelnhobradoiro

Monti Castiñeiras

http://monticastineiras.blogspot.com.es/

https://twitter.com/MCastinheiras

Monti Castiñeiras por www.suerainbow.com
Monti Castiñeiras por www.suerainbow.com
Monti Castiñeiras por www.suerainbow.com
Monti Castiñeiras por www.suerainbow.com
Temas: IMAXE
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta