Por X.M. Fernández | Allariz | 13/05/2021 | Actualizada ás 09:30
A Asociación Cultural Xan de Arzúa mantivo a pasada fin de semana unha reunión con parte das persoas que conforman este colectivo para comunicar principalmente a decisión de adiar a Festa do Boi 2021 para o 2022. A decisión chega tras valorar que a situación actual tanto social, económica e sanitaria que vivimos non é a mais axeitada para o desenvolvemento da Festa.
A celebración deste evento popular estaba programada do 29 de maio ao 6 de xuño, datas nas que a maior atracción sería ver ao boi percorrendo as rúas de Allariz. E xa que este ano non vai poder ser, o colectivo organizador buscou unha alternativa, realizar unha serie de actividades para manter viva a chama da 'Festa do Boi'.
INICIATIVAS
Dende a Asociación Cultural Xan de Arzúa consideran que unha parte importante da festa é a súa referencia histórica, sendo o primeiro domingo da celebración unha xornada na que ten lugar unha representación teatral na que unha vintena de gremios participan na procesión teatralizada de Xan de Arzúa. Esta recreación histórica non poderá realizarse co cal, e como alternativa, dende a asociación animan a repetir a experiencia do pasado ano, saír á rúa o domingo 30 de maio vestidos/as co traxe do seu gremio.
Tamén se levará a cabo unha exposición fotográfica da Festa do Boi por algunhas rúas de Allariz e avánzanse sorpresas para o público infantil que serán desveladas en breve.
E para ter unha lembranza da edición deste ano porase a venda un pano especial da Festa do Boi 2021 que estará dispoñible nos establecementos habituais a finais do mes de maio por un prezo simbólico de 1 euro.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.