(Vídeo) Piden paralizar unhas obras en Ourense ao poñer en perigo un niño de cegoñas

Ecoloxistas denuncian que a empresa construtora estaría a romper os seus acordos coa Xunta para protexer o niño.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/05/2021 | Actualizada ás 21:40

Comparte esta noticia

A coexistencia entre cos animais non sempre é sinxela, e diso saben ben os ourensáns implicados nas obras do museo provincial da cidade. Dende o pasado ano 2020, unha parella de cegoñas estaría a aniñar nas estruturas das distintas obras en curso na urbe. A última parada, e tralo desmantelamento do anterior guindastre, é a estrutura que a construtora Copasa mantén na intervención do Museo Arqueolóxico.

Cegoña sobre o seu niño nun guindastre en Ourense, a 12 de maio de 2021
Cegoña sobre o seu niño nun guindastre en Ourense, a 12 de maio de 2021 | Fonte: Ecoloxistas en Acción-Amigos das Cegoñas

O problema é que as cegoñas son animais protexidos, e polo tanto a lei estatal impide desenvolver actividades que poidan “impedir ou dificultar” a súa cría. De aí nace o enfrontamento que hoxe manteñen Amigos das Cegoñas e Ecoloxistas en Acción contra a empresa construtora. Segundo destacan os primeiros, Copasa acordara con eles e Medio Ambiente ralentizar as labores da estrutura na que aniñou unha parella de cigoñas, “pero non está cumprindo o acordado”.

O guindastre, apuntan dende a formación ecoloxista, estaría funcionando “a pleno rendemento”, cuestión que poñería “en grave perigo” a vida dos pitos. As plataformas ecoloxistas xa denunciaron semanas atrás o achegamento dun operario ao niño que levou a un dos proxenitores do pitos a fuxir; outra cuestión que, ao seu ver, podería supoñer un risco para supervivencia das crías. 

Por esta razón, as organizacións ecoloxistas piden a “inmediata paralización” da actividade do guindastre das obras do Museo Arqueolóxico de Ourense, de xeito que se poida “garantir a seguridade dos pitiños da parella de cigoñas Auria e Ramón até a finalización” do seu período reprodutor. Indican que “ademais da falta de sensibilidade da empresa Copasa polo coidado destas aves protexidas, a construtora non dubidou en enganar tanto as representantes ecoloxistas como aos funcionarios da Xunta anunciando unhas medidas que nunca cumpriu”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta