Uns orzamentos que ameazan a recuperación

Fai unhas semanas publicabamos neste xornal un artigo sinalando que a economía española deixaba de estar á beira do precipicio para comezar unha lenta recuperación. Esta semana o Banco de España vén de anunciar a saída da recesión ao medrar o PIB trimestral apenas unha décima, logo de varios trimestres en números negativos.

Por Manuel González L. | Compostela | 28/10/2013

Comparte esta noticia
Naquel artigo indicabamos que a recuperación tardaría en verse no máis importante, na creación de emprego, e situabamos en decisións tomadas no ámbito europeo as claves para entender o porqué do punto de inflexión. Nomeadamente, a decisión do BCE de intervir nos mercados de débeda soberana e a creación do Mecanismo Europeo de Estabilidade, que puxo a disposición do goberno español unha liña de crédito de ata 100.000 millóns para evitar a quebra dunha parte nada pequena da banca española. A isto teríamos que engadir a relaxación dos criterios de redución do déficit que serviron para afrouxar o corpiño da austeridade que apertaba, e sigue a apertar, a nosa economía. Igual me falla obxectividade, pero vexo moi poucas decisións tomadas noutros ámbitos de goberno que expliquen porque o peor xa pasou.
 
Sen embargo, existen factores tanto internos como externos que poden ameazar á recuperación económica. Un deles é o da propia austeridade que, se ben foi obxecto de relaxación como diciamos, segue a ser un dos mantras dos gobernantes conservadores europeos. Así se manifesta nos orzamentos públicos e, no caso máis achegado a nós, no proxecto de orzamentos que a Xunta de Galicia vén de presentar a pasada semana. Uns orzamentos que, a pesares da mellora nas previsións macroeconómicas e das condicións de financiamento, seguen sendo restritivos en practicamente todos os capítulos de gasto, agás no referido aos xuros pagados pola débeda que medran máis dun 17% ao pasar de 299 a 352 millóns de euros. É particularmente acusada a caída no capítulo de investimentos que retroceden un 7,5%, o que equivale a 94 millóns de euros menos, que deixarán de inxectarse na nosa economía sen que ningunha outra administración compense esa caída, senón todo o contrario. Tamén é moi preocupante que partidas clave para gañar competitividade a medio prazo como as destinadas á I+D+i ou á eficiencia enerxética, permanezan en valores ridículos, inferiores no primeiro caso nun 60% ós de 2009.
 
Con estes datos dificilmente podemos falar duns “orzamentos para a recuperación”, máis ben o contrario, de consolidarse a recuperación esta serao “a pesares dos orzamentos” e pola mesma razón será  fraca e incerta. Así, nun contexto onde o consumo das familias, e moi posiblemente o investimento empresarial, van seguir en números negativos debido aos fortes niveis de endebedamento, seguir porfiando a recuperación exclusivamente ao sector exterior parécenos preocupante. O propio FMI vén de admitir nun informe recente que durante os últimos anos se estivera menosprezando o efecto do gasto público sobre o PIB, sendo este moito maior do que se agardaba. É esta unha razón fundamental para entender porque Europa, e nomeadamente os países da periferia, se viron inmersos nunha das crises máis importantes dos últimos decenios. Galicia, a pesares dunha situación de partida máis vantaxosa derivada do menor nivel de endebedamento de familias e empresas e dunha maior competitividade exterior, é outro exemplo de cómo unha redución do gasto público cando a demanda privada retrocede non só empeora a situación, senón que tampouco soluciona o problema da débeda. Non diremos que a Xunta de Galicia tiña marxe para facer grandes investimentos, pois sería enganarnos a nós mesmos e ao público en xeral, pero non se faga polo menos alarde das receitas de austeridade e si o posible para que dende a Unión Europea sigan afrouxando un corpiño que nos vén moi estreito e que pode botar ao traste a recuperación económica.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Manuel González López Nado en Outes (1975). Doutorouse en Economía Aplicada na USC logo de ampliar estudos na Universidade de Manchester e na Copenhagen Business School. Na actualidade é profesor no Departamento de Economía Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela.