Así se espalla o eucalipto nitens, a especie que se adapta mellor ao frío e a altura

A introdución da especie nitens en Galicia está aumentando a superficie de eucalipto para a súa explotación. O nitens vén ocupar espazos máis fríos e a maior altura que o glóbulus, a especie de maior presenza no país. Son varias as voces que apuntan a estratexias das empresas da madeira para crear stocks tanto para celulosa como para enerxía.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 19/05/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A superficie e a fisonomía do eucalipto pode variar en pouco tempo de seguir adiante coa introdución do eucalyptus nitens, unha especie capaz de ocupar espazos onde non chegaba o eucalyptus globulus, a especie máis estendida en Galicia. O obxectivo, segundo as voces críticas, é poñer a disposición da industria tanto madeira para celulosa como madeira para queimar como biomasa, unha vía para asegurar negocio. Por outra parte, están quen apunta unha posibilidade de maior rendemento do monte en beneficio de agricultores e empresas da madeira.

Eucalipto Nitens
Eucalipto Nitens | Fonte: ebay

POR QUE O NITENS?

A vantaxe do nitens sobre o glóbulus é a súa mellor adaptación ao frío e zonas de montaña. “O nitens resiste o frío e sobre todo resiste máis determinadas pragas e ten máis resiliencia ao estrés híridico” di Fins Eirexas de Adega. “Con esta especie chégase a zonas perto dos Ancares ou áreas onde antes era imposible, é unha maneira que ten o lobby pasteiro de gañar terreo”.  “Realmente medran ao mesmo ritmo unha e outra especie de eucalipto” sinala Alberto Rivero de Ecologistas en Acción (EA).

As primeiras noticias sobre o nitens aparecen hai case vinte anos, cando se buscaban especies que medrasen máis rápido que o piñeiro e resistisen o clima da Terra Chá e áreas semellantes. Xunto a isto, fíxose unha segunda selección para a resistencia ante a falta de auga (estrés hídrico). Con todo, cando se comezou a explotación na Península Ibérica, nalgunhas áreas freouse a extensión desta árbore. “Hai dez anos en Asturias prohibiuse a plantación de nitens máis alá da superficie xa plantada” sinala Rivero. O motivo era o prexuízo que podería causar á industria do turismo interior que se desenvolvera no Principado.

“O sector forestal é moi dinámico e actúa segundo as demandas do mercado” di Jacobo Feijóo de Unións Agrarias (UU.AA). As vantaxes puramente comerciais do nitens descansan no prezo por tonelada máis elevado que o do piñeiro. “Tamén se deberían estudar as súas posibilidades para a serra, a construción, por iso é necesario aprender a traballar este tipo de madeira” destaca Feijóo.

Nitens en criadeiro
Nitens en criadeiro | Fonte: viveros ence

A Consellería de Medio Rural pola súa parte, coincide en que o eucalipto nitens resiste máis determinadas pragas e posúe maior amplitude ademais de maior crecemento en madeira. Por outra banda sinala: “hai que diferenciar entre produción e rendibilidade; o Eucalyptus nitens produce máis volume por hectárea que o Eucalyptus globulus, en troques a rendibilidade márcaa o prezo de compra”.

EUCALIPTIZACIÓN E MORATORIA

“O nitens é madeira destinada a biomasa que se poden explotar en plantas de Ence e Greenalia para a creación de enerxía calorífica” apunta Fins Eirexas. Xorde a pregunta de se o nitens desprazara ao globulus na súa explotación, mais “buscan crear stocks de glóbulus e nitens, así teñen materia para dous negocios, pasta de papel e enerxía”.

A preocupación entre medios ecoloxistas e ambientalistas é que se estea abrindo as portas á eucaliptización do monte ás caladas. Temen que estas novas plantacións acaben por darlle un empurrón á eucaliptización ademais de denunciaren falta de aplicación da lei. “A lexislación sobre plantación de eucalipto non se aplica, levántanse expedientes que logo quedan paralizados na Xunta” destaca Alberto Rivero.

UU.AA pola súa parte si ve que o eucalipto é “unha especie moi regulada, porque non se pode plantar en Rede Natura, en zonas agrarias e non se poden cortar frondosas”. O que si se produce segundo este sindicato agrario é “o cambio de plantación, de piñeiro a eucalipto sen que iso signifique aumentar a superficie de eucalipto, por tanto o mapa de frondosas non cambiaría”.

O pasado 11 de maio o Parlamento aprobaba, só cos votos do PPdeG, a Lei de recuperación de terra agraria. Dentro deste texto legal incliuse unha disposición transitoria pola que haberá unha moratoria de novas plantacións de eucaliptos ata final de 2025. Medio Rural indica que esta norma dá “un prazo de 30 días para facer plantacións naquelas superficies previamente autorizadas con esta especie ao abeiro da Lei de montes”.

O departamento de José González insiste que a suspensión temporal “non afecta ás replantacións con eucaliptos nos terreos de toda a comunidade autónoma onde xa os había, cumprindo a legalidade vixente”. Medio Rural tamén responde que “esta regulación temporal do eucalipto trae aparellada a potenciación das outras especies, cun plan para o piñeiro e outro plan para o castiñeiro e o resto das frondosas”. En ningún momento a consellería di que esta disposición sobre o eucalipto “acelere” a eucaliptización do rural.

As vantaxes do eucalipto nitens vai traer segundo uns a extensión dunha especie foránea en todo o rural, mesmo nas áreas agrarias. Outras voces apuntan á necesidade dunha revalorización do resto de madeiras, piñeiro, carballo, castiñeiro ou bidueiras, para que vexan multiplicada a súa superficie no monte. Finalmente, as partes máis altas de Galicia tamén terán eucaliptos nos seus terreos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

1 HJPw

A Galicia faille falta un partido ecoloxista forte, senón será un productor de eucaliptos e enerxía eólica para España e Portugal, a voracidade destes países é o que está detrás de todo isto.

1 Sentidiño

Podo estar trabucada, mais penso que o ecoloxismo debe ser transversal, coma o igualitarismo, o internacionalismo, ou o pacifismo. O voto ecoloxista divide o voto feminista, fraternal e antimilitarista.

2 RBZd

Si, hai que votar outro anxo quintana, para que chalaneé os eólicos cos constructores.