O documental 'Xela Arias. Poeta nas marxes' levará a figura da autora a unha trintena de concellos

A peza conta con testemuños de Marga do Val, Xosé María Álvarez Cáccamo ou María Xesús Nogueira, entre outros

Por E.P. | Santiago de Compostela | 20/05/2021 | Actualizada ás 14:38

Comparte esta noticia

O documental 'Xela Arias. Poeta nas marxes', dirixido por Beatriz Pereira, chegará a unha trintena de concellos a través da Rede de Dinamización Lingüística. Esta iniciativa enmárcase na programación institucional para conmemorar as Letras Galegas ao longo do ano, co fin de difundir a figura da autora, editora e docente por todos os recunchos da xeografía galega.

Programa de 'Xela Arias. Poeta nas marxes'
Programa de 'Xela Arias. Poeta nas marxes' | Fonte: Europa Press

O programa de proxeccións foi presentado este xoves en Santiago da man do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, a propia directora da obra e o fotógrafo Xulio Gil, en representación da familia do poeta.

O proxecto xurdiu no ano 2019 e foi elaborado cun equipo limitado, dirixido por Beatriz Pereira. A autora puido concluír o audiovisual a finais de 2020, pouco antes de coñecerse a decisión da Real Academia Galega de homenaxear a Arias nas Letras Galegas.

O documental, de 30 minutos de duración, percorre a vida e obra do poeta a través dos testemuños de Marga do Val, Xosé María Álvarez Cáccamo, María Xesús Nogueira, Manuel Bragado, Susana Trigo e Humberto Heredia, tanto desde unha visión "máis académica" como o impacto que tivo na vida cultural galega.

O propio Xulio Gil trasladou o seu agradecemento en representación dos familiares e especialmente do seu fillo, Darío Gil, sobre todo por contar "con xente de confianza" da propia autora e que contaba co afecto de Xela.

Pereira agradeceu, pola súa banda, o apoio recibido por Marta do Val para "tirar dos fíos" e contactar con todos os participantes e así poder ofrecer unha viaxe a través das distintas facetas da autora, tanto como poeta, como desde o punto de vista persoal, docente e o seu papel nos movementos culturais.

O programa arrincará este mesmo venres en Sarria e estenderanse ao longo de 30 concellos como Folgoso do Courel, Xinzo da Limia, Moaña, O Carballiño, Viveiro, Fene, Mazaricos, Ordes, ou A Estrada, para concluír e Sanxenxo o 23 de outubro.

Ademais das proxeccións, dirixidas a todos os públicos a desde os 12 anos, celebrarase un coloquio cos asistentes en cada municipio e tamén estará dispoñible un 'fanzine' que inclúe unha selección de textos de Arias e achegas dos participantes no documental.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta