Investigados dous homes por dous incendios que queimaron 800 hectáreas en Rede Natura

As pescudas apuntan a que un dos lumes foi provocado por desavinzas en materia de caza en Vilariño de Conso.

Por E.P. | OURENSE | 21/05/2021 | Actualizada ás 12:19

Comparte esta noticia

O Servizo de Protección da Natureza (Seprona) da Comandancia da Garda Civil de Ourense, no marco da 'Operación Forestate', tomou declaración en calidade de investigados a dous veciños de Vilariño de Conso como presuntos autores de dous incendios forestais que queimaron máis de 800 hectáreas en Rede Natura.

Segundo informou o Instituto Armado, as investigacións comezaron a raíz do incendio declarado na parroquia se Sabuguido, en Vilariño de Conso, detectado sobre as 2,22 horas do 13 de setembro de 2020, que calcinou unha superficie de 817,29 hectáreas e afectou a espazo protexido Rede Natura 2000.

"Debido ao risco que supuxo para os núcleos urbanos próximos, activouse como medida preventiva a Situación 2 do Plan Especial de Protección Civil ante Emerxencias por Incendios Forestais na Comunidade Autónoma de Galicia, situación de emerxencia provocada por un ou varios incendios forestais que, na súa evolución previsible, poidan afectar gravemente á poboación e bens de natureza non forestal", indican as mesmas fontes.

Este incendio permaneceu activo durante máis de cinco días e foi necesaria a intervención de numerosos medios de extinción, así como da Unidade Militar de Emerxencia (UME). Os traballos finalizaron ás 20,19 horas do 17 de setembro.

Unha vez iniciada a investigación por axentes do Seprona de Ourense estableceuse unha liña de traballo na que, subliña a Benemérita, "todo apunta a que o incendio foi provocado por desavinzas en materia de caza", xa que integrantes da comunidade de montes do pobo de Sabuguido levaran a cabo por motivos económicos a segregación dos seus terreos do Tecor Municipal de Vilariño de Conso "xerando malestar entre cazadores da sociedade de caza, ao perder estes os dereitos cinexéticos nos terreos que serían segregados", abundan as mesmas fontes.

"UN AVISO"

Anteriormente a este lume, o 7 de setembro de 2020 declarouse outro incendio forestal na mesma zona, que foi "controlado con rapidez" polos medios de extinción, destacou a Garda Civil. Segundo indicou aos investigadores un membro dunha Brigada de extinción, ese incendio foi "un aviso" aos comuneiros de Sabuguido.

As chamas do incendio do día 13 iniciáronse de madrugada en catro puntos nunha zona illada e con gran pendente, situados de forma estratéxica para supostamente mediante a propagación das mesmas queimar os terreos que pretendían ser segregados, aínda que debido á orografía do terreo, a temperatura ambiente, a acción do vento e a escasa humidade propagáronse sen control durante toda a noite.

As mesmas fontes indicaron que resultou "imposible a súa extinción nas primeiras horas con medios terrestres", ao influír todos estes factores na posterior propagación do incendio, "extensión afectada e perigo creado para as poboacións", engaden.

Incendio forestal
Incendio forestal | Fonte: POR UN MONTE GALEGO CON FUTURO.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta