Alertan do "brutal" impacto dun proxecto eólico sobre o Parque Arqueolóxico de Bande e o Xurés

A asociación Arnau presentou un estudo ante as consellerías de Medio Ambiente, Medio Rural, Cultura e Concello de Bande para evitar a tramitación deste novo proxecto, que afectaría xacementos que abranguen dende a Prehistoria ata a Idade Media.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/05/2021 | Actualizada ás 20:55

Comparte esta noticia

O ‘boom’ dos proxectos eólicos alcanza tamén a contorna do Parque Natural do Xurés. A asociación cultural, ecoloxista e de montaña Arnau vén de presentar un estudo informativo sobre o impacto que cualifican como “brutal” dun parque eólico planificado sobre o Monte Grande de Bande - considerado o mellor monte forestal de Galicia -, situado moi preto do Parque Natural do Xurés. Segundo indican a través dun comunicado, "veríase totalmente prexudicado polos polos mástiles eólicos que se erguerían máis de 180 metros do solo e as torres de alta tensión prolóngándose sobre a paisaxe".

Parque Arqueolóxico do Monte Grande, en Bande
Parque Arqueolóxico do Monte Grande, en Bande | Fonte: Asociación Limia-Arnoia

O Parque eólico de Fonsanta pretende crearse, tal e como indican as tramitacións da Xunta de Galicia e o Goberno español, sitúase na área de exposición directa do Parque Arqueolóxico do Monte Grande, antesala do Gran Parque Natural do Xurés e mirador privilexiado del. Este monte conta, indica a asociación, “cunha gran riqueza patrimonial, forestal, paisaxística, xeolóxica e natural, cos restos arqueolóxicos distribuídos por toda a extensión da serra e perfectamente adaptados á paisaxe e xacementos que abranguen un longo periodo de tempo que vai dende a Prehistoria ata a Idade Media”. Descatan necrópoles megalíticas, petróglifos, coviñas, castros e foxos do lobo, integrados no Parque Arqueolóxico.

Sobre a riqueza forestal, o Parque presenta grandes masas de piñeiro, bidueirais e amieirais, complementados coa presenza de arbustos que son “reliquias”, como o arando silvestre e a alta concentación de musgo que cubre toda zona alta do Monte Grande. Ademais, estase desenvolvendo unha “gran rexeneración natural de carballeira que contribúe ao seu benestar ecolóxico". “Tamén é preciso protexer o extenso espazo de turbeira da Lagoa Grande, cun hábitat especial cuxo fráxil equilibrio se pode ver alterado á mínima actuación”, indican dende a asociación, que poñen o foco na “calidade turística e paisaxística” na que o parque “impactaría severamente”.

As repercusións establécense, logo, a moitos niveis: paisaxístico, arqueolóxico, xeolóxico, forestal, faunístico... E tamén sobre a saúde das persoas que viven na contorna, “por mor dos ultrasons e escintileos que provocan estrés e ansiedade”.

IMPACTO SOBRE O EQUILIBRIO DO MEDIO

A asociación advirte que “o fráxil ecosistema do Monte Grande require unha estabilidade ecolóxica que se vería fragmentada coa construción de pistas, plataformas, movementos de terras, ruídos permanentes e grandes aeroxeradores dominando a paisaxe". Por este motivo, consideran que “non é o lugar idóneo para a construción dunha explotación eólica”. “Sendo conscentes da necesidade de xerar enerxía verde para a estabilidade do ecosistema do planeta, estimamos que non debe ser a calquera prezo, destruíndo un monte que foi cualificado por enxeneiros agrónomos como un dos mellores montes forestais de Galicia”, argumentan.  Xa que logo, apelan a que estes aproveitamentos enerxéticos con “tanto impacto natural, paisaxístico e patrimonial” se despracen deste tipo de montes.

Por todo isto, a asociación Arnau solicita que non se permita a instalación deste parque eólico; que se retire o medidor eólico colocado no entorno da mámoa do Monte Raso e as coviñas

petrografadas; que se declaren protexidas as carballeiras, turbeiras, bosques de ribeira, tapete de musgo e xacementos arqueolóxicos do Monte Grande; e "que non se contemple no futuro a súa explotación para a industria eólica, solar ou calquera outra que provoque un impacto sobre o medio e prexudique a sostibilidade ecolóxica".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 José Ramón Alonso-Fernández

Mentres Galiza sexa exportadora de electricidade, non se debe consentir aumentar a produción.