A Deputación de Ourense aproba un millón de euros para axudas a concellos e entidades sociais e deportivas

Luz verde ás bases do XVIII premio de narración e ilustración 'Pura e Dora Vázquez'.

Por E.P. | OURENSE | 31/05/2021 | Actualizada ás 20:13

Comparte esta noticia

A xunta de goberno da Deputación de Ourense aprobou este luns a concesión de case un millón de euros en subvencións a unha vintena de concellos, entidades económicas, sociais e deportivas.

Diso informou a institución provincial nun comunicado, no que explica que a reunión estivo presidida por Rosendo Fernández tendo en conta que o presidente Manuel Baltar acudía a esa hora a Expourense para ser vacinado contra a covid-19.

En concreto, no ámbito de cooperación cos concellos, autorizouna destinar ao Concello de Barbadás un total de 200.000 euros para reparar o firme na avenida Celanova da Valenzá. Ademais, aprobou unha partida de 115.000 euros para arranxos no campo de fútbol do Barco de Valdeorras; outra de 48.000 para que Castrelo de Miño adquira unha nave de uso municipal; así como outros 48.000 euros para a construción dunha nave de maquinaria en Castrelo de Val.

Tamén deu luz verde a un investimento de 15.000 euros a Cortegada para a realización dun documental sobre o camiño Miñoto-Ribeiro; a unha partida de case 92.700 euros para as obras de humanización da rúa Casanova de Leiro; así como a 34.500 euros para o asfaltado de varios núcleos do municipio da Merca. Así mesmo, destinará 12.500 euros a Montederramo para que adquira maquinaria municipal.

PREMIOS DE NARRACIÓN E ILUSTRACIÓN

No capítulo cultural, a xunta de goberno deu o visto e prace ás bases do XVIII premio de narración e ilustración Pura e Dora Vázquez, dotado con 1.500 euros en cada unha das súas modalidades.

Reunión da xunta de gobienro da Deputación Ourense. ALBERTE PAZ GARZA / DEPUTACIÓN / Europa Press
Reunión da xunta de gobienro da Deputación Ourense. ALBERTE PAZ GARZA / DEPUTACIÓN / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta