Toni Salgado, o verinés que triunfa coa ficción “O sabor das margaridas”

Mauro, o personaxe que encarna na serie, é para el o “máis completiño” que ten feito en audiovisual pero os seus preferidos son os que interpretou en teatro, concretamente Próspero e Hamlet. Nesta disciplina artística foi ‘Premio María Casares’ como Mellor actor protagonista no 2015 por ‘O principio de Arquímedes’. Coñecemos máis cousas del.

Por X.M. Fernández | Verín | 05/06/2021 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

Toni Salgado criouse cos seus pais e os seus tres irmáns nun piso bastante céntrico de Verín, lugar dende onde viu medrar a vila na expansión urbanística dos oitenta. Na etapa escolar non tivo moitas oportunidades de achegarse ao teatro e foi anos despois, tras desembarcar en Santiago coa intención de estudar a carreira de Mestre de Educación Musical, cando se achegou á interpretación a través do teatro universitario.

Toni Salgado. Foto: Mero Afonso
Toni Salgado. Foto: Mero Afonso

Nos seus plans non estaba vivir da interpretación e así o recoñece, “o meu horizonte era sacar as oposicións de mestre e ser mestre a tempo completo, e se había ocasión facer teatro cando se puidese”, mais o destino provocou o contrario. De ir facendo obras na universidade presentáronselle oportunidades de traballar en montaxes profesionais e foi metendo pouco a pouco a cabeza ata ir vendo que aquilo podía ter futuro. Co tempo chegaron tamén as oportunidades no audiovisual e a encrucillada de ter que decidir entre docencia e interpretación. Un golpe de moito traballo fixo que a balanza se decantase claramente a favor da segunda opción, e ata hoxe.

Salgado ten unha dilatada traxectoria tanto en cinema como en teatro con premios relevantes como o ‘Premio María Casares’ como Mellor actor protagonista no 2015 por ‘O principio de Arquímedes’. Destacou con grandes papeis secundarios en series galegas como “Pazo de Familia”, “Serramoura”, “Vivir sin permiso” ou “A estiba”; como actor de reparto en ficcións nacionais como “El secreto de Puenteviejo”, “Néboa” ou “La casa de papel”. Actualmente triunfa como protagonista en “O sabor das margaridas”, a serie que chegou a ser a sétima máis vista de fala non inglesa de Netflix no Reino Unido e Irlanda.

Parolamos con el máis polo miúdo.

Orgulloso de ser de Verín? Volverás algún día para quedar ou nin o pensas?

Toni Salgado. Foto: XMF
Toni Salgado. Foto: XMF

Sempre tiven con Verín unha relación de amor-odio: de pequeno fun moi feliz, era un lugar acolledor, no que podías ir coller auga á Fontenova, Cabreiroá ou Sousas, facer o cabra cos amigos polas fincas antes de que comezasen a edificar nelas... pero na época adolescente non había moitas posibilidades: a oferta cultural era bastante limitada se a comparamos con calquera cidade, pronto pecharon o Cine Buenos Aires, nunca tivemos un teatro, aínda que de cando en vez se programaba algunha cousiña de pequeno formato, e a biblioteca pública pasou anos pechada por obras. Coma calquera vila, tiña as súas cousas boas e malas, pero o que chamaba a atención para min é que ter iniciativas fóra do común nunca era ben valorado, e era moi difícil ver un futuro a medio ou longo prazo. Creo que neste sentido, a cousa está empezando a mudar, porque o que si está claro é que a xente de Verín sobreponse ás dificultades, e busca a saída como sexa: hai moito talento.

Non sei se volverei para quedar algún día porque, pola miña profesión non é o lugar máis propicio, pero nunca se sabe, alí están meus pais, moitos dos meus amigos de toda a vida, e as leiriñas. Se cadra temos que volver traballar as terras, tal como pintan as cousas a longo prazo (ri).

"[...] o que si está claro é que a xente de Verín sobreponse ás dificultades, e busca a saída como sexa: hai moito talento"

Que é o que máis e o que menos che gusta do Verín actual? 

Do Verín actual gústame o novo aspecto que está a coller coa remodelación dalgunhas zonas, especialmente coa colocación de árbores nas rúas, o que lle dá un aspecto máis acolledor e a implementación de zonas de aparcamento público que favorecen a mobilidade. O movemento que se lle está a dar ó Auditorio (a pesar das súas deficiencias construtivas e todo o que ten que ver coa súa edificación): o festival de curtas, a programación teatral, a proxección de películas, o conservatorio… A nova relación que se vai establecendo coa ruta dos balnearios. Faime sentir orgulloso a actividade e recoñecemento que se está a desenvolver na biblioteca. Naturalmente, sinto especial querencia polo entroido. E tamén sinto especial orgullo polo movemento veciñal que se está producindo nos últimos anos cando hai que defender causas colectivas que afectan a toda a veciñanza.

Por outra banda, dáme moita pena que, coas posibilidades tan grandes que ten a nosa terra, non sexa aínda un lugar de referencia polas súas augas, tendo en conta que outros territorios con menos explótano mellor;  que o monte estea tan descoidado logo de decenios de lumes e tan desaproveitados os seus recursos naturais, a inexistencia dun tecido económico que dea oportunidade á xente da vila para non ter que marchar fora; que non saian adiante máis proxectos de economía local sostible, á marxe do viño...

Cando lembras ter sentido atracción polo mundo da interpretación? 

A min, a paixón pola interpretación veume tarde, xa rematados os meus estudos de maxisterio.

Onde e como foron os comezos nesta aventura. En Verín ou xa en Santiago? 

En Verín, daquela non había moitas posibilidades de achegarse ó teatro, a non ser polas experiencias escolares ou do movemento asociativo (O Movemento Junior, vencellado á igrexa). De feito, a primeira obra profesional que vin foi en Ourense, xa na época do instituto.

Na época universitaria, co movemento cultural que había en Santiago, con varias salas privadas: A Nasa, a Galán e a Sala Iago --todas elas desaparecidas-- e as institucionais, empecei a ver cousas novas, pero só me interesaban como espectador. Foi meu irmán Machi quen me liou para facer unha substitución nunha montaxe de ‘Os vellos non deben namorarse’ da Aula de teatro da USC, cunha xira internacional por Bélxica, Holanda e Noruega. Collinlle o gusto e seguín tres anos máis, aínda que non se me pasaba pola cabeza dedicarme profesionalmente. De feito, combinaba como podía o teatro e as substitucións como mestre.

"A Santiago cheguei coa intención de estudar a carreira de Mestre de Educación Musical, que foi das mellores experiencias da miña vida"

Como foi, logo, esa chegada a Santiago e como foi o camiño ata conseguir 'meter cabeza' nunha produción teatral ou audiovisual importante?

A Santiago cheguei coa intención de estudar a carreira de Mestre de Educación Musical, que foi das mellores experiencias da miña vida. Facendo teatro universitario varias veces achegáronseme persoas de compañías para ofrecerme a posibilidade de traballar en montaxes profesionais, pero non o vía claro. Ata que un  día, Alfredo Rodríguez, daquela un dos membros fundadores de A Factoría, unha compañía profesional das máis interesantes do momento, ofreceume participar nunha montaxe, e a partir de aí fun empezando a tomalo coma unha profesión, ata o punto de renunciar ó exercicio da docencia. Aínda que a miña intención era facer só teatro, foi nos últimos anos cando empecei a facer cousas no audiovisual. A primeira cousa que fixen foi o personaxe do Ferrallas en Pratos combinados: aí coñecín a Pico, Ernesto Chao, Morris, María Castro...Logo veu Mar Libre, Piratas, Pazo de Familia...

Ao final, logo, chegou a encrucillada, o exercicio da docencia ou a interpretación...

O meu horizonte era sacar as oposicións de mestre e ser mestre a tempo completo, e se había ocasión facer teatro cando se puidese. Pero pouco a pouco fun tendo máis traballo e tiven que me decidir, pois eu non son capaz de facer ben dúas cousas a vez. O momento crítico produciuse cando me ofreceron o papel de Nino en Pazo de Familia. Nese momento estaba arrincando con tres obras de teatro á vez e ó vir o da serie decidín renunciar definitivamente á docencia.

"Pero pouco a pouco fun tendo máis traballo e tiven que me decidir, pois eu non son capaz de facer ben dúas cousas a vez"

Despois dunha boa década de traballo, do 2009 ao 2019, chega 2020 e a pandemia. Como che afectou no plano laboral? 

Para min foi catastrófico. Eu estaba en Madrid, en El secreto de Puente Viejo, con contrato dun ano, e neses meses tamén fixen a 2ª  temporada de O Sabor das Margaridas e unha pequena aparición en La casa de papel. Chegou a pandemia e fulminouse a serie. Aínda por riba, collín o Covid en marzo e pasei todo o confinamento alí. O que parecía que ía ser o inicio dunha carreira máis seria, con proxectos nacionais, veuse, cando menos polo momento, un pouco truncada. Dáme a impresión de que tardaremos un tempo en volver á normalidade na nosa profesión, especialmente no teatro.

E no persoal como o fuches levando?

Pois supoño que coma todo o mundo, uns días mellor e outros peor. Os primeiros meses tomeino con bastante paciencia, incluso retomei afeccións coma o debuxo e lin moito. O que non me deu foi polo deporte na casa. Pero supoño que coma todos, empezo xa a estar un pouco canso de restrinxir a vida social, de manter a distancia e de non apertar á xente, especialmente cando vexo que hai xente facéndoo mal.

Dos personaxes que tes encarnado estes anos, con cal te quedarías? 

Creo que Mauro, de O Sabor das Margaridas, foi polo de agora o máis completiño en audiovisual, pero os meus preferidos son os que fixen en teatro: Próspero e Hamlet.

Algún xénero que non tocaras e algún tipo de personaxe que esperas chegue algún día?

En audiovisual fixen moi pouca comedia, se cadra por este perfil de malo que teño, pero eu téñome por un tío moi gracioso (ri). Pero co que todo actor ou actriz soña, penso, é cun personaxe complexo que requira de traballo creativo e percorrido para facer unha boa composición de personaxe.

"En audiovisual fixen moi pouca comedia, se cadra por este perfil de malo que teño, pero eu téñome por un tío moi gracioso"

Referentes a nivel nacional e internacional... esa actriz ou ese actor que penses, esta tía ou este tío son o máis?

Gústame moito o traballo de Manolo Solo, un actor que fai cousas moi diferentes pero dende a humildade e unha aparencia de sinxeleza. De actrices da terra teño nun pedestal a Mela Casal e a Patricia de Lorenzo. A nivel internacional sempre fun moi fan de Tom Hanks e de Meryl Streep.

Toni Salgado. Foto: Mero Afonso
Toni Salgado. Foto: Mero Afonso
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 O outro Feixoo

Os irmaos Salgado teñen moito mérito!!! Toni e Machi na actuación e Xose Manoel na musica coa a sus guitarra e mestre de Conservatorio